NÚMERO 312 - 25/04/2016
CUTUDC / Novidades
Partillamos un texto da compañeira Mari Fidalgo no que fai unha valoración das xornadas "Da RISGa á Renda Básica das iguais" celebradas o pasado 2 de abril en Compostela.
Quen
parasita a quen?
A austerocracia imposta polas institucións
financeiras están a dilatar as desigualdades
sociais nas periferias endebedadas do Sur da
Europa. Día a día vemos como as políticas
económicas que se venderon como receita para a
crise non son máis que un bucle perverso de déficit
e débeda con consecuencias nefastas para as
condicións de vida da xente.
O ataque ao patrimonio público, o saqueo dos bens
comúns e a tesoirada ás fráxiles políticas sociais
nas que se sustentaba un simulado estado de
benestar non son denuncias vacuas, encárnanse en
corpos e historias concretas. Na imposibilidade de
acceder ou manter unha vivenda, subministros
básicos e alimentación adecuada, no deterioro da
atención sanitaria ou educativa. Os coidados e a
sustentabilidade da vida postos contra a parede por
un sistema que só atende á acumulación de
beneficios.
Mentres a privatización de dereitos básicos
significan precariedade e miseria para moitas,
convértense en suculento negocio para uns poucos.
As políticas de austeridade cumpren o seu cometido.
Este non é outro que canalizar os cartos e recursos
de todas para petos privados ás custas das
necesidades dunha poboación cada vez máis
depauperada. Para mostra un botón. A empresa Clece,
de propiedade de Florentino Pérez, xestionará case
a metade do orzamento destinado á política social
da cidade de Vigo, máis de 5 millóns de euros. Na
Xunta de Galicia a situación non é diferente.
E nesa rolda de precarización acaban entrando
sectores de poboación que nunca se imaxinaron así,
desempregadas, sen ingresos e desamparadas por
unhas políticas públicas que non ofrecen solución
algunha cando urxe soster a vida e resolver
necesidades básicas.
Porque as pobres, as excluídas, as que se acollían
aos programas de servizos sociais até ben pouco
eran outras. E algo farían para que a vida lles
tratase así. Non se esforzarían o suficiente ou
traerían de seu algunha tara que lles impide
adaptarse ao sistema e poder sosterse polos seus
propios medios. Seguramente produto da súa etnia,
procedencia ou do modo de vida que “escolleron”. A
culpabilización, criminalización e estigmatización
fractura e enfronta as boas e as malas pobres.
No primeiro caso, empresarios e profesionais vidos
a menos, xente con estudos que acaba compartindo
caixeiro ou fila no reparto de alimentos coas
pobres de sempre. A “nova pobreza” ten reclamo
mediático, preocupa e conmove. Son a proba de que
algo está a ir mal e hai que tomar medidas. As
pobres de toda a vida (indolentes, improdutivas,
aproveitadas, toxicómanas) non chaman atención
algunha porque non son mais que danos colaterais no
funcionamento do capitalismo. A estas hai que
disciplinar a través dunhas políticas de servizos
sociais que fiscalicen o uso que fan das
prestacións - e de paso se inmiscúan nas súas
vidas, porque sabemos que as pobres non teñen o
dereito á intimidade ou á autonomía- para evitar o
parasitismo público. Así é como na Galiza, as
persoas perceptoras dunha Risga que na meirande
parte dos casos non chega aos 400 euros teñen que
verse cun control por parte de servizos sociais que
inclúe visitas domiciliarias e inxerencias nos seus
hábitos de vida. Iso por non falar do labirinto
burocrático e da demora de ata sete meses na
tramitación das solicitudes, ou da obriga da
familia consaguínea de prestarnos alimentos.
Unha lóxica de sospeita e control, de
criminalización da pobreza que agocha os
verdadeiros responsábeis de que non flúan os cartos
para cubrir as nosas necesidades básicas. De que
non se nos recoñeza o dereito e os medios para
vivir cando participamos indirectamente da creación
da riqueza, sexa facéndonos cargo dos coidados e da
reprodución da vida sen a cal os mercados non se
sosteñen ou a través de moitas outras
contribucións: saberes, relacións, afectos, etc.
Na xornada “Da Risga á Rbis” que celebramos as
xentes de Baladre e a ODS-Coia o sábado 2 abril en
Compostela demos conta de todas esas reflexións e
chegamos á conclusión que fronte as prestacións
miserentas e o control social reclamamos o anaco do
pastel que nos corresponde a través da implantación
da Renda Básica das Iguais.
Un instrumento que contribúa a rachar as pancas de
precarización e a chantaxe do emprego como
mecanismo de inclusión. Unha ferramenta que nos
axude a crear espazos de autonomía e cooperación. A
ensaiar respostas desde o apoio mutuo que dean
cobertura ás nosas necesidades, detraíndo a súa
satisfacción da lóxica mercantil ou do sometemento
que ás mulleres nos impón a ética reacionaria dos
coidados, amparada nun mandato patriarcal opresivo
e inxusto. Ter aseguradas as condicións mínimas
para poder apostar por espazos de relación e
construírmonos como suxeitas e suxeitos de
dereitos.
Unha das asistentes ás xornadas comentaba ao
rematar “miro dende a miña fiestra o monte cheo de
muíños e eu apenas podo pagar as facturas da luz".
Sinalar os que se enriquecen apropiándose e
explotando o que é de todas, poñer eses recursos ao
servizo das necesidades das persoas. Garantir a
existencia para que desde a seguranza e a liberdade
efectivas poidamos explorar outros xeitos de
organizar a vida e coidar o territorio é unha
tarefa que non pode esperar.
sgrbis.jpg
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript