Abril de 2016
 
 

NÚMERO 312 - 25/04/2016

   CUTUDC / Novidades

  BOMBEIROS CONTRA A PRIVATIZACIÓN
 

Máis de 500 bombeiros maniféstanse en Ourense contra a privatización do sector

Máis de medio milleiro de bombeiros públicos e privados das catro provincias galegas participaron este luns na manifestación convocada pola Mesa Intersindical en Ourense para rexeitar a privatización dos parques comarcais e reclamar un modelo de xestión directa por parte das Administracións públicas.

 

  • Noticias relacionadas

 

A mobilización fai parte da campaña de protestas que o colectivo desenvolve baixo o lema “Rescátanos” para reclamar a xestión directa do servizo por parte das Administracións públicas, o que segundo os cálculos da Mesa Intersectorial permitiría un aforro de até un 30%. Na actualidade unicamente sete dos máis de 30 parques existentes no país están baixo xestión pública, e os arredor de 420 traballadores/as afectados/as levan máis de dous anos en folga para denunciar esta situación.
 
A Mesa Intersindical decidiu convocar a mobilización debido á inquietude que está a xerar no sector a intención do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense de sacar a concurso a xestión dos parques de bombeiros do Carballiño, Verín, Xinzo e Valdeorras. “Os tres últimos xa se atopan dirixidos por empresas privadas, mentres que o primeiro, logo de seren construído e dotado de vehículos e material con cartos públicos, preténdese poñer en funcionamento baixo xestión privada”, denunciaron nun manifesto.
 
Así, lembraron que o órgano de goberno do Consorcio está composto de xeito paritario pola Xunta de Galicia e pola Deputación de Ourense e sinalan que, se ben é certo que o presidente provincial, Manuel Baltar, xa deixou claro o seu interese por continuar coa xestión privada do servizo público de bombeiros, a Vicepresidencia da Xunta está a 'marear a perdiz'. “Por unha banda aseguran que non teñen inconveniente en valorar a proposta de rescate do servizo, e pola outra amosan claramente a súa postura en prol de deixar en mans privadas a xestión dos parques galegos”, criticaron.
 
A mobilización, celebrada baixo o lema 'Rescátanos', contou co apoio da Plataforma de Bombeiros Públicos Galegos e da Coordinadora Unitaria de Bombeiros Profesionais, e concluíu coa lectura dun manifesto e cunha tirada de petardos e botes de fume, tras o que os participantes celebraron unha comida de confraternidade no parque municipal.
 
Galicia Confidencial
 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript