NÚMERO 312 - 25/04/2016
CUTUDC / Novidades
A denuncia polos atrasos que sufriron os enfermos de hepatite C nos seus tratamentos foi presentada pola Asociación Batas Brancas. O seu portavoz, Evaristo Varo, traballa como médico no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e atendeu persoalmente a varios dos afectados. "Levo corenta anos como médico e nunca pensei que unha administración podería deixar morrer a unha persoa por razóns económicas", lamenta Varo.
–Como
valora a decisión do xuíz de citar a declarar a
dous altos cargos do Sergas?
–É algo fabuloso, boísimo, sobre todo para os
cidadáns que ven como a xustiza está a investigar
como se negaron e atrasaron tratamentos a enfermos
de hepatite C.
–Por que denunciaron?
–Sae dos profesionais médicos porque os familiares
estaban esnaquizados. Pediamos os fármacos e nin
sequera nos contestaban. Ata o propio laboratorio
dábache o OK en 24 horas e a Xunta demorábase ata
sete meses. Nun caso cando chamamos a un doente, da
provincia de Pontevedra, para informarlle de que
finalmente tiñamos a autorización do Sergas,
resulta que levaba morto unha semana. Deixouse
morrer a enfermos por razóns económicas.
–A Xunta négao. Di que só aplicaron criterios
médicos...
–Mente descaradamente. Falta á verdade. Había
enfermos moi graves e chegamos a enviar ata tres
peticións para que autorizasen o tratamento. Houbo
un caso no que mesmo remitimos unha carta
directamente á conselleira advertíndolle que se non
fornecía o fármaco tería que cargar coa morte do
paciente e levariámola aos tribunais e tivo efecto
porque finalmente autorizáronllo e salvouse.
–Cre que deben dimitir estes dous altos cargos?
–Claro e hai que depurar responsabilidades a nivel
político. O que sucedeu non ten nome. Se eu como
médico négome a fornecer un fármaco e cústalle a
vida ao meu paciente termino no cárcere. Aquí pasou
algo anormal, moi grave. Non se pode volver repetir
nin aquí nin en ningún país do mundo e para iso
debe haber un castigo exemplar. Os culpables teñen
que pagar.
La Opinión Coruña
Unha carta de tres médicos á Xunta librou da morte a un doente con hepatite
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript