NÚMERO 314 - 09/05/2016
CUTUDC / Novidades
Membros da xestora nacional da plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a máis de 600 colectivos sociais de diversos ámbitos, compareceron esta mañá diante dos medios de comunicación para presentar a convocatoria de manifestación do 17 de maio, que congregará miles de persoas “mostrando, máis unha vez, que a inmensa maioría do pobo galego quere a súa lingua e accións políticas reais e efectivas para repola e rehabilitala en todos os espazos”.
O lema
escollido para esta convocatoria é “O idioma é a
vida” recollendo un verso do coñecido poema “A
fala” de Manuel María, autor homenaxeado
no Día das Letras Galegas este ano.
O portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa
pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira,
lembrou a participación habitual de Manuel María
en todas as accións e actividades de defensa e
promoción da lingua do país e o seu compromiso con
moitas causas xustas, nomeadamente a da lingua
galega. Por isto “a voz e apalabra de Manuel
María estará presente no acto final da
manifestación que se celebrará na Praza da Quintana
onde tamén contaremos coa actuación de Mini e Mero
ou de Fran Amil e A Tribo Incompresíbel".
“O acto final será unha mostra masiva da alegría
e do orgullo que temos como pobo por contarmos con
lingua propia, que está viva grazas ao traballo e o
compromiso, practicamente en solitario, da propia
sociedade, malia a actitude tantas veces hostil dos
gobernos da Xunta e do Estado e mesmo dos
tribunais, como evidenciou recentemente o TSXG.
Festexaremos, ademais, 100 anos de defensa
continuada da normalidade para o galego”,
sinalou Maceira, en referencia ao centenario
da creación das Irmandades da Fala.
A manifestación deste ano prodúcese nun contexto no
que o decretazo contra o galego, que impuxo Feixó
en solitario e sen ningún apoio, está absolutamente
morto e deslexitimado, como lembrou recentemente o
Consello de Europa, polo que Maceira instou
novamente ao presidente Núñez Feixó a que
dea, por fin, os pasos necesarios para contarmos
cun novo decreto para o ensino en galego, comezando
por eliminar os artigos do decreto que prohiben o
uso do galego.
“O goberno de Feixó ten a responsabilidade de
velar polos intereses de Galiza, quen ataca a
lingua de Galiza, ataca os intereses de Galiza, a
vida de Galiza, a súa capacidade para desenvolverse
plenamente. A lingua propia une e fortalece. Feixó
ten un compromiso legal coa lingua, mais tamén
moral como presidente da Xunta”, afirmou o
portavoz de Queremos Galego. Por iso, indicou, "ten
a obriga de pechar a porta que abriu, e o TSXG,
nunha sentenza ideolóxica e sumpremacista, acaba de
cruzar”.
Maceira lembrou que en xullo do ano pasado o
Partido Popular asinou a declaración de unidade a
prol da lingua galego, asumindo un compromiso,
xunto a outras moitas organizacións políticas, de
combater prexuízos e aplicar todos os acordos
arredor da lingua, “sen que aínda hoxe visemos
nin unha soa acción favorábel ao dereito a vivirmos
en galego”. Por iso considerou que “a lingua
galega ten que regresar ao debate político para,
entre todos, falarmos de como recuperar os espazos
onde debe estar, non para o contrario”.
A Plataforma Queremos Galego salientou ademais que
“todos os avances para a lingua galego foron
conquistas da sociedade. As irmandades da fala
foron a primeira mostra da necesidade de
organizarse e mobilizarse para conseguir avances.
Facemos un chamado a todas as persoas que aman
Galiza, que aman a nosa lingua, que queren avances
para ela, posibilidades de uso e accións públicas
qeu permitan instalarse no galego con total
liberdade a quen non o fala, sen estigmatización,
sen desprezos”.
Santiago de Compostela, a 2 de maio, de 2016.
Queremos Galego
http://www.queremosgalego.org/
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript