NÚMERO 314 - 09/05/2016
CUTUDC / Novidades
A morte por suicidio é un dos mais graves problemas de saúde pública. Case tódolos dias do ano morre por suicidio unha persoa en Galiza..
A cantidade de
persoas falecidas por esta causa aumentou dende o
comezo da crise, tanto en España como en Galiza,
chegando a ser a principal causa de morte “externa”
no noso país segundo o Instituto Nacional de
Estatística. A maioría das veces a morte por
suicidio é resultado da combinación de razóns nada
misteriosas: sufrimento psíquico intenso que con
frecuencia afecta á saúde mental da persoa,
carencias (afectivas, económicas, de expectativa de
algo mellor por diante, soedade, dor, enfermidade
grave, incapacidade para manexar dificultades
relacionais e emocionais,…), empobrecemento, paro,
débedas, perda da vivenda,…
A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu en
2011 ós gobernos dos países europeos que a crise
conlevaba un aumento do risco de suicidios se non
se adoptaban políticas activas de emprego para
reducir o paro, de reforzamento da protección
social e sanitaria, de alivio da carga da débeda
sobre as persoas que a sufren, e de apoio ás
familias. No noso país fíxose a política oposta e,
desgraciadamente, esa predicción cumpriuse: os
suicidios aumentaron relacionados coa crise e coas
políticas desenvolvidas ante a mesma. Hoxe as
investigacións desenvolvidas en Galicia así o
confirman.
En 2013 a OMS fixo un chamamento mundial a tódolos
gobernos para que desenvolveran estratexias de
prevención de tal xeito que en cada país se
reducira a cantidade de mortes por suicidio nun 10%
para o ano 2020, e urxiu a actuar xa. Hai tres anos
que tiñamos que ter en marcha o Plan de Prevención
do Suicidio para o noso país. O goberno da Xunta de
Galicia non fixo nada ó respecto.
O compromiso de toda a sociedade na prevención é
fundamental. A obriga do Goberno da Xunta de Galiza
é ineludible. Urxe o Plan Galego de Prevención do
Suicidio.
http://movementogalegosaudemental.gal/author/movementogalegosaudemental/
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript