Maio de 2016
 
 

NÚMERO 314 - 09/05/2016

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Gumersindo Lafuente
 

A canto sae o quilo de refuxiado en Europa?

Entretidos polos asuntos propios da incerteza política, quizá ocupados rebuscando apelidos ilustres nos papeis de Panamá, ou talvez celebrando glorias pasadas para tapar as miserias presentes, tendemos a esquecernos unha vez máis dos refuxiados.

 

  • Noticias relacionadas

 

A xigantesca pancarta que preside desde hai meses a fachada do Concello de Madrid dándolles a benvida debería pesar cada día que pasa un pouco máis nas nosas conciencias. A alerta mundial que espertaron as terribles imaxes que nos chegaban do éxodo dos sirios que fuxían da guerra foi apagándose coa reiteración, que nos foi anestesiando, que nos fixo inmunes á bárbara insolidariedade coa que Europa está a abordar a situación.
 
Gonzalo Fanjul, experto no tema da Fundación porCausa, denunciábao o pasado mércores no Intermedio. Estamos ante un problema ético. Tamén ante a negación dunha realidade ineludible: por moitos valos que levantemos, por moitas fronteiras que debuxemos e por moito diñeiro que poñamos encima da mesa, as persoas seguirán movéndose polo planeta como o fixeron desde o principio da historia.
 
Pero non aprendemos. A vella Europa prefire poñer diñeiro para que sexan outros os que se fagan cargo das nosas responsabilidades.  Turquía non ten os estándares de democracia e liberdade como para ser parte da UE, pero, claro que si, está perfectamente habilitada para recibir 3.000 millóns de euros e o dobre se fai falta con tal de que aloxe aos refuxiados que non queremos.
 
E se hai que facerse cargo dalgún (os 18 que en todos estes meses chegaron a España resoan como a cifra máis vergoñosa que poida un imaxinar) e ao que lle toque non lle apetece, con 250.000  euros quítaseo de encima sen problemas. E estamos a falar de persoas que foxen da guerra, dunha morte máis que probable ou dunha miseria segura. Imaxinen o que lles espera aos migrantes por outros motivos. Os que buscan traballo, unha vida máis digna, un futuro para os seus fillos.
 
"Os refuxiados son as fotografía do mundo que seremos". "A inmigración é unha bendición para os países que a reciben". En dúas frases Fanjul debuxaba unha inquietante realidade que os políticos que mandan en Europa, con Mariano Rajoy e os seus ministros á cabeza, terxiversaron ata o punto de facer crer que refuxiados e migrantes son unha ameaza, a fonte de todos os males, mesmo chegaron a ter a desvergoña de mesturar a súa chegada co terrorismo.
 
A realidade con todo é moi diferente. España nunca podería crecer ao ritmo que o fixo no pasado sen a presenza e o traballo dos máis de cinco millóns de inmigrantes que se estableceron aquí. É máis, nunha sociedade envellecida, cos niveis de natalidade máis baixos do mundo, imos seguir necesitando, se queremos ter algún futuro, da súa axuda. Non nos deixemos convencer cos argumentos do medo. Nin o valo de Melilla é un exemplo do que sentirse orgulloso, algo que sorprendentemente insinuaba hai uns días un xornal español, nin os migrantes veñen a roubarnos o futuro. Por sorprendente que a algún lle poida parecer, a realidade é xusto a contraria.
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript