Maio de 2016
 
 

NÚMERO 316 - 23/05/2016

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Antón Losada
 

A privatización do desastre

Coas chamas e a xigantesca nube negra de Seseña, quéimanse dúas décadas de desidia, incompetencia e, sobre todo, turbios negocios privados a cambio de ocultar as consecuencias da falta de xestión pública

 

  • Noticias relacionadas

 

 Non é pneumático todo o que arde en Seseña. Coas chamas e a xigantesca nube negra, causante do equivalente a un ano de contaminación en España, quéimanse dúas décadas de desidia, incompetencia e, sobre todo, turbios negocios privados a cambio de ocultar as consecuencias da falta de xestión pública. Non se trata dunha técnica nova, tampouco dun caso illado. Supón un dos negocios emerxentes de comezos deste século das burbullas e as redes sociais: a privatización do desastre.
 
A técnica resulta tan sinxela como lucrativa. As administracións publicas non saben, non poden ou non queren resolver un problema, pero tampouco queren asumir o custo de admitir a súa incapacidade. A solución é privatizalo. Contrátase a unha empresa privada sen máis condición que aparentar facerse cargo da xestión do problema, case sempre prometendo cifras e resultados rápidos e espectaculares. A cambio a administración paga xenerosamente, non fai preguntas e concédelles barra libre para facer canto lles veña en gana.
 
A experiencias sempre acaba mal, cando non termina en catástrofe como en Seseña. A empresa privada oculta as consecuencias do problema en lugar de arranxalo, sen efectuar nin os investimentos nin os programas prometidos porque entón deixaría de ser negocio. Cando xa non pode escondelo máis evapórase cos beneficios e algún servizo público debe asumir as consecuencias; uns cuantos anos despois o problema volve a mans completamente públicas, só que cunha factura multiplicada por mil.
 
O zumento negocio dos pneumáticos en mans de dous oligopolios privados que impoñen a súa marxe de beneficio custe o que custe. Un vertedoiro ilegal que non deixa de crecer en mans de xestores que reciclan o revendible e amontoan o que non vale. A Xustiza e todas as administracións alagándose mutuamente de papeis, requirimentos e autos esixíndose unhas a outras unha solución inmediata. Un concello que disfraza o desastre, contratando sucesivamente a dedo a empresas pantasma que finxen afrontar o problema mentres converten o vertedoiro na súa sede social para facer negocios en España.  Seseña é un caso de manual da privatización dun desastre esperando para suceder.
 
O vertedoiro incendiouse uns días antes de que a historia tivese o final que vimos demasiadas veces como para seguir mantendo a pamplina da superioridade da xestión privada do público. Unha empresa pública especializada ía facerse cargo do desastre dúas décadas despois, a un custo infinitamente superior a se o xestionase desde o primeiro momento. As cen mil toneladas de pneumáticos  e once hectáreas de vertedoiro levaban meses sen vixilancia nocturna, sen seguro e sen responsable da súa xestión.
 
Non pasa un día sen que paguemos algunha factura da privatización do desastre. Esa mesma semana, en Moaña, Pontevedra, ante o perigoso incendio rexistrado na procesadora de peixe Fandicosta o servizo de emerxencias da Xunta, gobernada polo PP, preferiu chamar a parques de bombeiros de xestión privada, infradotados e a corenta minutos do lume e a súa espectacular nube tóxica, antes que aos bastante máis próximos bombeiros públicos de Vigo, gobernado polo PSOE. Finalmente o servizo público debeu acudir igualmente ao rescate do paupérrimo e ineficaz servizo de xestión privada, cuxa factura haberemos de pagar igualmente.
 
Acabamos pagando millóns por aforrar uns poucos miles de euros. No debate sobre as privatizacións o fume do negocio sempre acaba cegando os nosos ollos.
 
Zona Crítica
 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript