Maio de 2016
 
 

NÚMERO 316 - 23/05/2016

   CUTUDC / Novidades

  XUNTA DE GALIZA
 

O Sergas asina coa maioría dos sindicatos un novo pacto de contratación

O Sergas asinou coa maior parte dos sindicatos presentes na mesa sectorial un novo pacto de selección de persoal estatutario temporal. En concreto, apoiárono CIG, CCOO, CSIF, UXT e CESM-O'Mega, só se opuxo o sindicato enfermeiro Satse e o SAGAP que non ten representación na mesa.

 

  • Noticias relacionadas

 

Desde o Sergas aseguran que o novo pacto favorece “a vida laboral e familiar dos aspirantes”, recollendo “a opción de suspensión de chamamentos sen penalización e con reactivación automática por asuntos propios", co fin de que os aspirantes "poidan acollerse a descansos voluntarios anuais”.
 
Tamén asegura que se reforzan as garantías de intervalos mínimos de tempo entre o chamamento e a incorporación do profesional á efectiva prestación de servizos, acollendo medidas cara á elección da área sanitaria de prestación de servizos para os aspirantes inscritos tanto nas listas de ámbito autonómico como nas de promoción interna temporal.
 
No apartado de baremo valórase a maior das puntuacións obtidas polo aspirante na fase de oposición dos dous últimos procesos selectivos convocados polo Sergas na categoría á que opta, o que permite a aqueles aspirantes que, por calquera causa non se presentasen á última OPE, continuar mantendo unha puntuación neste apartado e incorporar, se fose o caso, a mellor das puntuacións obtidas", concreta.
 
Ademais, a nova regulación incorpora o "compromiso de negociación na Mesa Sectorial de Sanidade dunhas novas bases de selección de persoal facultativo especialista de área", de "aplicación común para todos os centros, que incorporan a inscrición a través de Fides, a baremación automatizada e un baremo común e próximo ao aplicado nos procesos de selección fixa", conclúe.
 
REXEITAMENTO DE SATSE
 
Estas condicións foron apoiadas pola maioría dos presentes na mesa sectorial, pero non o do sindicato enfermeiro Satse, que entende que o pacto “non mellora en todos os aspectos desexables en consideracións realizadas por este sindicato”.
 
Botan en falta unha “xestión adecuada nos chamamentos” e reclaman un “compromiso de xestión e boas prácticas á hora de ofertar un nomeamento estatutario temporal, coa denominación e obxectivo que precisa”.
 
Aseguran que os profesionais levan tempo padecendo “abusos” con nomeamentos indebidos e en precario unha e outra vez e consideran que o Sergas “non acaba de corrixir estes subterfugios ilegais postos en marcha nestes anos de recortes e penurias orzamentarias do persoal”. 
 
POSTURA DO SAGAP
 
O novo pacto de contratación tamén foi rexeitado de pleno polo Sagap, que  non está presente na mesa sectorial, pero que animou recentemente aos traballadores para presentar escritos de protesta contra o pacto. 
 
Tamén acababan de lanzar unha petición a través da plataforma change.org, que polo momento levaba recollidas algo máis de 700 sinaturas. 
 
Nesa petición sinalan, entre outras cousas, que:
 
- É unha negociación realizada ás costas d@s directamente afectad@s
- É un texto que unicamente recolle "deberes " por parte dos aspirantes a cambio de simples "declaracións de intencións ", sen ningún compromiso firme por parte da Administración .
- É a negociación dun pacto que segue considerando ás/os traballadoras/é eventuais como traballadores de segunda clase
- É a negociación dun texto ambiguo e interpretable
 
Galicia Press

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript