Xuño de 2016
 
 

NÚMERO 321 - 27/06/2016

   CUTUDC / Novidades

  ELVIÑA NON SE VENDE - STOP DESAFIUZAMENTOS
 

Máis de 7.000 euros en multas por loitar contra os desafiuzamentos en Elviña

Xa pasou máis de ano e medio daquel 27 de novembro de 2014, no que a veciñanza de Elviña co apoio dos movementos sociais da cidade, pelexamos para evitar a barbarie do desafiuzamento de Varo e Isa; e a Subdelegación acaba de ratificar as 17 multas que nos puxeran por un total de máis de 7.000€, polo que nos vemos na obriga de pagalas se non queremos ser embargadas.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

 

Pero hoxe non estamos aquí só para denunciar o absurdo e a desproporción de tales sancións, senón que tamén queremos aproveitar para seguir reivindicando o barrio de Elviña e advertir que, a pesares das súas ameazas e multas, seguiremos loitando.
 
Ese 27 de novembro, centos de veciñas enfrontáronse a un auténtico batallón de policía nacional UIP e policía local con material antidisturbios, nun despregamento sen precedentes nesta cidade. Resistiuse  desde o amencer ata a tarde, loita que xa comezara con concentracións e cortes durante os días antes do espolio  e que se mantivo tamén con posterioridade ó mesmo.
 
 Finalmente fomos derrotadas, desafiuzaron a Álvaro Corral, á súa nai e aos seus dous fillos. Todos eles naceran e creceran nesa casa que construíu o  avó e tiña alí,  ademais, a súa horta e o seu negocio familiar, un taller de motos. Esa casa viu nacer e crecer a tres xeracións.
 
O caso de Varo ilustra á perfección o drama que viven as veciñas de Elviña con varias vivendas aínda en risco de desafiuzamento (desaloxo), máis as multimillonarias sumas que han de pagar de cotas as moitas compañeiras xa desafiuzadas, ao ser convertidas en promotoras forzosas.
 
 Pero non todo balance é negativo,  en contraposición temos un barrio máis forte que nunca que non cala cando saquean as súas casa, a súa vila e a súa xente.
 
As multas perseguen un só obxectivo, desmobilizar. Non son sancións administrativas, se non intentos de cortar unha loita, castigala e reprimila.
 
Pero isto é xa imparable, canto máis forte sexa a súa represión, xa sexa por medio de Mordazas, golpes, porradas ou multas, máis forte alzaremos as nosas voces.
 
ELVIÑA NON SE VENDE, ELVIÑA SE DEFENDE
A LOITA É O ÚNICO CAMIÑO

 

 


 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript