NÚMERO 322 - 04/07/2016
CUTUDC / Novidades
Este xoves 30 de Xuño de 2016, Fernando Ramos Armesto, no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, interveu no pleno do Concello de Ferrol, celebrado pola mañá, pedindo o desestimento do Contrato Eléctrico e a investigación da actuación do bufete asesor xurídico, do Concello, Lama&Asociados, por ser un dos seus socios parte interesada na adxudicación do contrato.
Texto da
Petición:
Ao Pleno do Concello de Ferrol no nome da
Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola
Remunicipalización.
Bo día, tomamos a palabra neste pleno municipal, en
representación dun grupo de veciñas e veciños, e de
organizacións sociais, que ante a inminente sinatura
do contrato eléctrico para a nosa cidade, deciden
organizarse en plataforma para, nalgúns casos,
incorporarse á defensa do interese xeral da
veciñanza, e noutros casos, para retomar a defensa
dos bens e servizos públicos.
Foi a posible sinatura deste contrato o que
mobilizou a este grupo de veciñas e veciños, que de
inmediato, comezamos analizar as características do
mesmo, os seus protagonistas e, o máis importante,
as consecuencias que tiña para esta cidade. Contamos
para elo, co asesoramento de persoas expertas, tanto
en xestión local, como neste tipo de contratos. Esas
conclusións son as que queremos expoñer neste pleno
para que se teñan en conta á hora de decidir se debe
ser asinado ou non.
1º Aprendemos que este contrato é ilegal, porque se
redacta como se fose un contrato de xestión de
servizos públicos, cando en realidade trátase de
dous tipos de contrato, un de subministro,
que sería o caso do subministro eléctrico, e
outro de servizo, que sería o caso de servizos
enerxéticos e o mantemento da instalacións de
alumeado público exterior e de edificios e
dependencias municipais. Polo tanto, a duración do
mesmo, segundo a lexislación vixente [*], non pode
ser por máis de 4 anos, prorrogables a 2, e nunca
por 15 como propón o contrato que se nos oferta. Nós
entendemos isto perfectamente cando se nos preguntou
se firmariamos un contrato de subministro de
bolígrafos por 15 anos. Así de sinxelo. Pois no caso
do subministro eléctrico, cun mercado e unha
tecnoloxía en constante evolución, semella unha
loucura facelo, e só se mostra interesante para as
empresas que o propoñen para esta cidade. É por iso
que o lexislador non pon limitación temporal, ao
sobreentender-se que o interese xeral recomenda unha
anualidade, só prorrogable por un ano máis.
2º Aprendemos que hai alternativas, esta corporación
pode realizar un desestimento do contrato polas
ilegalidades que presenta, ou tamén unha renuncia,
por interese público. Todo parece indicar que un
desistimento é o máis razoable nestes momentos.
O desestimento permitiría abrir dun xeito rápido
dúas liñas de contratación, subministro e servizo,
por separado e dun prazo de duración dun ano,
prorrogable a dous. Deste xeito sairiamos da
situación de ilegalidade que supón carecer dos
contratos, como sucede neste momento. Mentres,
poderíanse iniciar un proceso de municipalización
que estudara as alternativas para a xestión pública,
tanto do subministro como do mantemento.
3º Non é de menor interese o que temos que dicir das
empresas que concorren a este contrato. A Unión
Temporal de Empresas que pretende que a cidadanía de
Ferrol lle paguemos ao longo de 15 anos máis de 41
millóns de euros, son por unha parte FCC e pola
outra SEFCON. No caso da primeira, Fomento de
Construcciones y Contratas FCC, unha grande
corporación transnacional, instalada na estratexia
de converter en negocio o que pertence ao ben común
e ao espazo público, provocando unha
descapitalización da nosa cidade, pois levan fora a
plusvalía o mesmo que as súas empresas filiais,
empobrecendo máis a cidade. A segunda empresa,
Servicios Eficientes de Control SL, é unha empresa
que non ten nada que ver coa enerxía, ou o
mantemento eléctrico, senón que opera baixo a
definición de “conseguidores de negocio”.
Pero é que no caso do noso concello, resulta
altamente preocupante que o administrador único
desta empresa, Francisco Borja Silveira Rey,
sexa un dos socios, conselleiros e directores do
bufete que presta servizos de asesoramento xurídico
a este concello, Lama&Asociados, con o que o goberno
do PP, presidido por José Manuel Rey Varela,
asinou un contrato de 180.000 euros, por servizos
xurídicos. Un bufete que se atreve a realizar un
informe contrario ao desestimento ou á renuncia do
contrato eléctrico e a ameazar veladamente co pago
de fortes indemnizacións se se chegara a desistir ou
renunciar a dita contratación, sendo parte
interesada na sinatura deste contrato millonario.
4º Aprendemos que a municipalización dos servizos,
sempre que se faga con criterios de boa xestión,
transparencia, participación e racionalidade,
resulta moi beneficiosa para a institución que a
aplica, e satisfactoria e beneficiosa para a
cidadanía que a percibe e goza. A recente
remunicipalización do servizo de socorrismo, é un
pequeno exemplo de aforro, mellora da calidade do
servizo e da calidade das condicións de traballo,
que demostra que neste concello é posible arrancar
con procesos de municipalización.
Por todo o exposto, SOLICITAMOS a esta corporación,
PRIMEIRO.- Que encargue un informe xurídico que
valore a posibilidade de finalizar o contrato con
Lama&Asociados, tanto por abusivo no seu custe, como
por romper o principio de confianza e lealdade a
institución, e á defensa dos intereses xerais do
pobo de Ferrol, ao actuar de mala fe no caso do
contrato eléctrico, sabendo do conflito de intereses
que representaba.
SEGUNDO.- Que aprobe o desestimento do contrato
eléctrico con FCC e SEFCON, e comece un proceso de
municipalización destes servizos.
Ferrol, 30 de xuño de 2016
[*] No caso do contrato de subministro e mantemento
eléctrico a ilegalidade está ben clara, xa que polo
seu obxecto e pola súa natureza xurídica, segundo a
Lei de Contratos do Sector Público, non cabe un
contrato de duración superior a catro anos, máis 2
de prórroga, é dicir de máis de 6 anos, polo que o
contrato pretendido de 15 anos é nulo de pleno
dereito segundo o art. 62.1.e) da Lei 30/1992, de 26
de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións
Públicas e do Procedemento Administrativo Común. É
dicir, que o contrato de subministro e mantemento
eléctrico do PP, é absolutamente ilegal e ademais é
lesivo para o interese xeral dos cidadáns de Ferrol,
ao hipotecalo por 15 anos nun sector tan volátil
como o da enerxía.
--
PLATAFORMA
NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA
REMUNICIPALIZACIÓN
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript