Xullo de 2016
 
 

NÚMERO 322 - 04/07/2016

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Resumo do Consello de Goberno do día 28/06/2016

O pasado día 28 de xuño realizouse unha nova reunión do Consello de Goberno na que o xerente explicitou os pasos que ían dar cara a aprobación da Oferta de Emprego Público do PAS. Houbo, arredor deste tema un interesante debate que vos recomendamos ler.

 

  • Noticias relacionadas

Informe do reitor
O reitor informa da reunión do Consello Galego de Universidades do día 8 de xuño no que se acordou a conxelación das taxas. No que afecta á UDC, autorizáronse 4 mestrados novos que se porán en marcha no vindeiro curso, dúas titulacións recibiron, tamén, informe favorable.
 
Informa da asemblea da CRUE realizada o día 23 de xuño, que tiña como punto importante da orde do día a Aprobación se proceder de graos 3+2. A asemblea ratificou e decidiu, unha vez máis, facer vinculante a moratoria acordada na Asemblea Xeral do 2 de febreiro de 2015 e non impartir graos de tres anos de titulacións xa existentes ata o curso 2017/2018.
 
Para definir que titulacións son novas e cales non, tomarase como referencia o Catálogo de títulos universitarios pre-Boloña, publicado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e entenderase que todo grao que teña o mesmo nome que algún dos que apareza no devandito catálogo, non poderá considerarse como novo. Todo o que estea fóra del, considerarase grao de nova creación. Para aqueles graos nos que exista algunha dúbida, a Asemblea Xeral decidiu que sexa o Comité Permanente da CRUE, xunto coa universidade en cuestión, quen estude cada caso de forma individual e dilucide se, efectivamente, se trata dun de nova creación ou se xa existía nas titulacións pre-Boloña. En total presentáronse 11 titulacións (8 de universidades privadas 3 de universidades públicas) que serán analizadas porque aínda que a denominación sexa diferente ás das titulacións pre-Boloña parece que os contidos poden corresponderse coas pre-Boloña. Por este motivo o punto sinalado retirouse da orde do día.
 
Informa da posta en marcha do Campus Industrial de Ferrol, campus estratéxico tanto para a universidade como para a cidade que xa recibiu financiamento para este ano e para o vindeiro. Ten unha gobernanza e persoal específico.
 
Xerente
Sobre a Oferta de Emprego Público de Persoal de Administración e Servizos, informa que desde a reunión do Consello de Goberno anterior no que xa se informara deste asunto, realizouse outra reunión da comisión negociadora na que se presentou outra proposta que abranguería o período 2016-2020 na que se recolle que só un máximo do 25% das prazas das OEP correspondentes á quenda libre se reservarían a grupos A1 e A2. Con data de onte, día 27, recibiuse unha comunicación na que a Xunta de Persoal manifestaba o seu rexeitamento, sinala que os sindicatos UGT e CCOO aceptaron dita proposta.
A pesar, do rexeitamento en aras a non dilatar o proceso iniciaranse os trámites coa Xunta de Galicia para traela para a súa aprobación no vindeiro Consello de Goberno.
Informa do cesamento da vicexerenta de Ferrol.
Informa do acordo dos sindicatos CSIF, CCOO e UGT coa Xunta de Galiza para a devolución da parte devindicada da extra de 2013 que afectará, tamén, á UDC.
 
Punto 14 .- Quenda aberta de intervencións:
 
Manuela Pinazas:
Informa do acordo maioritario alcanzado na Xunta de Persoal do día 27 polo que se rexeita a proposta da Xerencia e Reitoría. Le o acordo de xeito literal para que conste na acta. O secretario xeral solicita se lle transmita por correo electrónico. O acordo sinala que:
 
A Xunta de Persoal na súa reunión do 27 de xuño de 2016 acordou por maioría rexeitar a proposta da Oferta de Emprego Público (OEP) de 2016 no que se refire ás prazas reservadas para quenda libre presentada pola Xerencia, porque:

  • ·    Cambia a filosofía dun xeito radical, xa que, cando se negociou o barrado das prazas era coa finalidade de que todas elas saíran a promoción interna seguindo o modelo da escala xeral.

  • ·     A reserva de prazas dos grupos máis altos para quenda libre supón un grave prexuízo para o persoal e a súa carreira profesional, sentando un perigoso precedente.

  • ·     Incumpre o acordado cando se negociou a OEP de 2015, na que se estableceu que na seguinte oferta as prazas serían todas de postos base da escala xeral.

  • ·     Incumpre o acordado para os promocións xa que non se ofertan todas as prazas acordadas na escala de bibliotecas no 2016, e nas seguintes ofertas poderán reservar aquelas que máis lles interesen de calquera outra escala.

  • ·     Revela unha contradición da Xerencia, posto que as persoas que lle serven para ocupar postos en comisións de servizos non lle son válidas para obter o posto mediante concurso.

  • ·     Ademais, economicamente non se sostén a proposta da Xerencia xa que supón un maior custo para a Universidade.

 
Xosé Portela
Sinala primeiramente a Xunta de Persoal está constituída por 17 representantes dos que CCOO e UGT teñen 4, polo tanto o rexeitamento é moi maioritario.
Por outra parte o actual modelo de acceso e promoción do persoal funcionario consolidouse coa alternativa Nova Luce, seguindo camiños semellantes nas negociacións do actual convenio colectivo pactado co primeiro equipo desta candidatura no que se sinala no artigo 18, Selección, que “As vacantes non cubertas pola promoción interna acumularanse á provisión externa”. Nun contexto diferente ao funcionarial prímase, na ocupación das prazas vacantes,a promoción sobre a oferta a quenda libre. (O convenio aínda está vixente).
O modelo que esta xerencia propón rompe co pactado no seu momento. Esta decisión é do actual equipo ou adoptouse pola alternativa Nova Luce no seu conxunto?.
 
Respostas:
Xerente
A representación dos sindicatos UGT e CCOO está fóra de toda discusión son sindicatos maioritarios tanto na administración central como na autonómica, non entende que agora se poña en dúbida.
Fíxose un esforzo negociador importante, realizáronse varias ofertas e pon énfase no equilibrio entre promoción e acceso libre conducente a evitar a endogamia no colectivo de PAS, considera improcedente que se rexeite unha proposta que contempla 224 prazas a promoción e só unha a quenda libre. Insiste en que a universidade é unha fábrica de titulados aos que se lles debe dar unha saída laboral.
 
Xosé Portela
Non discute a representatividade dos sindicatos CCOO e UGT o que si hai que ponderar esa representatividade na universidade, en concreto os votos das traballadoras e dos traballadores outorgáronlles 4 representantes de 17. Noutras administracións poden ser moi representativos pero aquí teñen a representación que teñen.
Significar que as traballadoras e traballadores que promocionan compren cos requisitos das categorías ás que optan, tamén son tituladas e titulados, e maioritariamente desta universidade, ademais non se lles regala nada porque os procesos de promocións teñen uns requirimentos de avaliación de coñecementos, e aptitudes, ao nivel das categorías ás que optan. É inaceptable falar de endogamia no colectivo de PAS e máis neste contexto do Consello de Goberno, poderiamos avaliar ese concepto noutros colectivos, non no PAS.
A proposta presentada cerna as expectativas de mellora profesional.
É importante sinalar que coa promoción créase unha importante bolsa de persoas que, cobrando o soldo do grupo acadado mediante a promoción, quedará no posto que tiña (xa que a promoción é sen mobilidade), coa expectativa de ocupar as vacantes do subgrupo máis alto ao que pertence. De cumprirse esta expectativa a bolsa de persoal promocionado, iríase enxugando e o custo que lle suporía á universidade sería a diferenza de complementos dos dous postos, en cambio, se a vacante se oferta a quenda libre, o custo é o dun posto íntegro (A1 ou A2). (Dá a impresión de que a este equipo reitoral non lle importa pagar o que faga falta, dilapidando diñeiro público, con tal de dar un postiño a alguén).
 
Aproveita a circunstancia para apoiar a proposta realizada por Ana Barxa, representante estudantil que solicitou unha declaración institucional  no día do orgullo LGTBI, apoiando, tamén, o requirimento que fixo en defensa da utilización da lingua galega nos actos institucionais.

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript