NÚMERO 322 - 04/07/2016
CUTUDC / Novidades
Despois de pasar meses mirando cara arriba buscando a salvación. De estar atentas ás pantallas, aos xornais, ás redes sociais, algúns mesmo aos mitins, queda o retorno ao real. E non dicimos ás asembleas, dicimos ao real. Queda responder as preguntas que feren, por que nos devolven esa responsabilidade que pretendiamos delegar. As preguntas que nos arroxan fronte a nosa propia responsabilidade política.
De que maneira estás a xerar o
cambio? De que maneira ti e a xente que te rodea
constrúe algo que se asemelle a unha comunidade? De
que maneira constrúes solidariedade? De que maneira
xeras autonomía no económico, no produtivo, no
alimentario? De que maneira fas do territorio que
habitas un espazo libre de capital e de dominación?
Votar á esquerda progresista non te fai nin mais
humano, nin mellor persoa, nin mais solidario.
Votar á esquerda non te eleva por encima deses que
ti chamas catetos e que non son se non xente que
como ti sofre e padece.
Só o pobo apoia e defende ao pobo. Construír o
cambio non é unha tarefa de ir votar un día
calquera, ou dous, ou tres. Construír o cambio é
mirarse, recoñecerse, coidarse. Construír
comprensión. Abandonar elitismos que prexulgan ao
pobo. Construír o cambio é camiñar con ideas claras
repletos de preguntas. Construír o cambio comeza
aquí, agora, xa. Pasa por romper coas nosas vidas
precarias rotas pola tristura dun mundo que delega
a responsabilidade do cambio nun líder ou nun
partido. Romper coa vida que nos rompe. Vivir a
vida que constrúe en colectivo.
Talvez sexa momento de volver ao pragmático, é
dicir o utópico. Continuar coa labor que tantas
compañeiras levan xa exercendo mediante a
construción de cooperativas produtivas. Facer dos
coidados unha responsabilidade comunitaria; criar
non é unha carga, non é un milagre, é un proceso de
vida, unha expresión da nosa potencia para facer
autonomía. A transformación é absolutamente
imposible se non tomamos o control do territorio
que poboamos. Quere iso dicir asaltar as
institucións? Mais alá diso, quere dicir, dar un
salto cualitativo. Tomar consciencia de que debemos
saber autoxestionar cada aspecto do tecido
loxístico. Se pretendemos a emancipación, se de
verdade aspiramos ao cambio debemos de recuperar
cada nodo, cada elemento do tecido social e
produtivo. Desde a produción alimentaria, á
seguridade, a sanidade ou a educación.
Talvez sexa o momento de volver ao pragmático, é
dicir ao utópico. Perder a vergoña a admitir que
iso que chaman política non colma a nosa sede, non
sacia a nosa fame. Queremos volver respirar esa
espiritualidade política que vivimos no 15 m.
Queremos abandonar o laicismo ilustrado, o
desencanto do mundo e o pesimismo ontolóxico.
Queremos construír os espazos dunha nova política
que reivindique a fe incondicional na
transformación. Perder o medo a ser tachados de
fanatismo, ser tachados de irracionais, ser
tachados de crédulos ou de pouco serios. Perder o
medo a crer de novo que o futuro está nas nosas
mans. Perder medo á nosa capacidade de facer pobo.
A desesperanza de moitas, hoxe, despois das
eleccións só é o síntoma enfermizo da persistencia
na crenza de que temos dereitos garantidos. De que
o futuro non se herda, tómase. A desesperanza de
moitas vén dada polo crer que esta guerra que o
capital nos ten declarada pódese vencer co mero
acto simbólico de depositar un voto. A desesperanza
de moitas non debe deternos, non pode
desanimarnos.
Só o pobo apoia e defende ao pobo.
Non estamos soas, non estamos sós. Non somos unha
porcentaxe de votos ou de abstencións.
Somos pobo.
Perdamos os reparos, a compostura ou a vergoña. Nós
precariado. Nós periferia non somos parte desa
Europa do capital. Abandonemos esa estrutura que
nos somete. Rompamos as cadeas coloniais que nos
vinculan coa Europa do privilexio branco. Rompamos
á súa vez a tiranía coa que as nosas empresas
suxeitan ao Sur Global. Somos Sur. Somos o sur da
Europa que o pode ser dos pobos. Esa Europa da
comuna. A Europa Makhnovista. A Europa libertaria.
A Europa irredenta das loitas campesiñas, das
colectivizacións rurais. A Europa campesiña e
proletaria. A Europa antifascista. A Europa que
prefire rebelarse contra un rei antes de ir loitar
en guerras coloniais. Somos parte desa Europa pagá,
descoñecida, que habita nas tradicións salvadas
polas mulleres. Somos a Europa que non se someteu á
inquisición. A Europa tantas veces dada por morta,
nas guerras campesiñas, nas comunidades, na Guerra
Civil. A Europa que segue viva no ZAD, no SAT.
Somos a Europa dos pobos.
Nós explotadas, nós dominadas non somos meros
votantes aos que se recorre en cada loita
estratéxica polo poder. Somos a potencia. Non nos
conformamos co poder.
Querémolo todo
https://www.diagonalperiodico.net/blogs/aitor-jimenez
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript