NÚMERO 324 - 05/09/2016
CUTUDC / Novidades
Contra a chantaxe lingüística. Demisión dos responsábeis do Instituto de Desenvolvemento do Aforro de Enerxía dependente do Ministerio de Industria. O IDAE négalle unha axuda pública aos concellos de Santiago, Teo e Santa Comba por utilizaren o galego nun dos informes requiridos na solicitude.
Permítense os
responsábeis deste organismo público cualificar como
acto de resistencia que funcionarios da
administración pública municipal utilicen o galego
para dirixiren documentos, para xustificar a
chantaxe de condicionar unha axuda pública á non
utilización dunha lingua que segundo o propio
Estatuto no seu artigo 5: é propia de Galiza; todos
e todas teñen o dereito de a coñecer e a usar; os
poderes públicos de Galiza garantirán o seu uso
normal e oficial e potenciarán o seu emprego do
galego en todos os planos da vida pública e disporán
os medios necesarios para facilitar o seu
coñecemento; e ninguén poderá ser discriminado por
causa da lingua.
Lembramos que a chantaxe é unha forma de corrupción
que ademais se agrava ao utilizar recursos públicos
coa finalidade de facer valer posicións ideolóxicas
dun racismo lingüístico e de odio á diversidade
lingüística intolerábel en calquera marco
democrático, máxime cando se trata de institucións
públicas.
O racismo lingüístico ten consecuencias graves,
neste caso a perda de millóns de euros públicos para
a cidadanía de Santiago, Teo e Santa Comba, ao lle
ser negada tanto a subvención como a posibilidade de
aforrar en enerxía e destinar eses recursos ao seu
desenvolvemento.
Situacións similares acontecen todos os días con
cidadáns e cidadás anónimas vítimas de diferentes
administracións, nomeadamente a estatal, que
utilizan a súa posición de superioridade para negar
a posibilidade de utilizar o galego de forma oral
e/ou escrita.
Esta actitude xeneralizada vulnera o contemplado na
Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas,
tratado internacional ratificado polo Estado español
en 2001, que no seu artigo 10 sinala que as
autoridades públicas deben de : “a) garantir que as
autoridades administrativas empreguen as linguas
minorizadas e c) permitir ás autoridades
administrativas redactar documentos nunha lingua
minorizada”.
Estas actitudes non poden ser amparadas. Os
responsábeis do IDAE deben demitir ou seren cesados
porque non se pode consentir o manexo de diñeiro
público por fanáticos contrarios á existencia da
lingua e que utilizan organismos públicos para
satisfacer as súas fobias contra linguas como a
galega.
ASINA!
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript