NÚMERO 326 - 19/09/2016
CUTUDC / Novidades
Os gandeiros piden o apoio dos consumidores para que non compren produtos da multinacional francesa. Acusan a Lactalis de reter dous millóns de euros aos gandeiros galegos e de impor un prezo á baixa nos novos contratos.
Un grupo de
gandeiros galegos, convocados polo sindicato
Unións Agrarias, iniciou hoxe en Lugo unha
campaña informativa para pedirlle aos
consumidores que non merquen produtos de
Lactalis e si outros de empresas españolas. O
sindicato ameaza con estender este boicot ao
resto de España se a multinacional francesa non
atende as súas reivindicacións.
Pasadas as doce da mañá, un grupo duns trinta
gandeiros e sindicalistas de UUAA concentráronse
ante o Supermercado Gadis do Polígono do Ceao
para informar aos consumidores e pedirlles que
non merquen marcas da multinacional francesa
(Puleva,Ram, El Ventero, Président ou Gran
Capitán).
Segundo explicou Óscar Pose, responsable de
Servizos de Unións, “o que pedimos con esta
acción é que Lactalis nos devolva aos gandeiros
os 2 céntimos que dende decembro lle repercute a
maiores a distribución no leite de marca branca
co compromiso de que o traslade aos produtores”.
Este incremento, logrado tras as mobilizacións
dos gandeiros o pasado inverno, fai que
“Lactalis teña a día de hoxe nas súas contas 2
millóns de euros que se nega a pagarnos”,
denuncia Óscar Pose.
“Co novo contrato Lactalis quere asegurarse
un prezo baixo para os próximos meses”
O outro motivo desta mobilización son os novos
contratos de Lactalis a 27 céntimos o litro para
os próximos seis meses. Segundo o representante
de Unións Agrarias “o prezo é moi baixo tendo en
conta que o mercado dos produtos lácteos está
repuntando e o que pretende Lactalis é
asegurarse un prezo baixo do leite ata o mes de
febreiro”. Ademais, os gandeiros reclaman que a
multinacional francesa lle devolva aos gandeiros
galegos os máis de 1 céntimos por libro que lles
descontou aos produtores durante os últimos tres
meses en base ao anterior contrato lácteo,
retirado por Lactalis tras ser denunciado por
UUAA ante a AICA, e que establecía unha
indexación en base aos últimos prezos do
Observatorio Galego do Sector Lácteo.
“Calculamos que supuxo un desconto medio ao mes
duns 500 euros por gandería en Galicia”, asegura
Óscar Pose.
Unións anuncia que a campaña informativa contra
Lactalis incrementarase nas próximas semanas,
con actos similares ao de Lugo en Pontevedra ou
A Coruña, ou a recollida de sinaturas a través
de internet. “E o seguinte paso é pasar a unha
campaña de denuncia informativa no resto de
España”, advirten dende a organización agraria.
“Entrego a Leche Río pero estou aquí apoiando
porque Lactalis é a referencia de prezos en
Galicia”
Ángel López foi un dos gandeiros que esta mañá
se desprazou ata o Polígono do Ceao para apoiar
a campaña informativa contra Lactalis. Este
gandeiro de Guntín, con 220 vacas en muxido, e
sen importantes cargas de créditos, recoñece que
a súa situación “non é das peores”. Véndelle a
Leche Río a un prezo que, segundo el, “neste
momento non cubre os custos de produción” .
Afirma que participa na protesta porque “os
gandeiros temos que estar unidos e apoiarnos,
independentemente de que a quen lle vendamos”.
Asegura tamén que “no caso de Lactalis, ao ser a
principal industria láctea de Galicia, é a que
fixa os prezos e arrastra ás demais industrias”.
Pídelle aos Gobernos galego e español que
“defendan ao sector e non sigan permitindo que
as multinacionais estranxeiras se sigan facendo
co mercado español, mentres os gandeiros
españois temos que pechar, a pesar de España ser
un país deficitario en produción de leite”.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript