NÚMERO 326 - 19/09/2016
CUTUDC / Novidades
A Asociación de Pacientes do CHUS, a Unión Galega de Epilepsia e a Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela informan que tiveron "coñecemento" do que definen como "criterios discriminatorios" do Servizo de Neuroloxía do CHUS, ao negarlle unha proba a un paciente con epilepsia por carecer de acompañante 24 horas de unha a dúas semanas.
A
asociación recibiu a denuncia pública que fixo
José Luis Vázquez Rodríguez, paciente que
actualmente espera que lle realicen a proba e
cuxo testemuño deixa patente nunha misiva na que
relata a súa situación.
Nesta carta conta que padece unha lesión
cerebral con epilepsia refractaria postraumática
que lle provoca episodios de crises epilépticas
periódicas de frecuencia variable en calquera
momento polo que a enfermidade ten un carácter
fortemente incapacitante para a actividade
laboral e a vida cotiá, ao cal se suma o feito
de que "non responde" a medicamentos
antiepilépticos", pola natureza da lesión,
explica.
No mes de xaneiro, e co fin de "valorar se o
caso era operable" dirixiuse á consulta de
neuroloxía do Hospital da Costa de Burela, onde
fixo unha solicitude para a realización dunha
proba de vídeo EEG na Unidade de epilepsia do
CHUS, polo cal, como el mesmo relata, queda en
lista de espera "con prioridade 1". Tivo que
"agardar ata o 30 de maio (94 días)" para
recibir unha comunicación a respecto desta proba
na que o centro lle comunica que "deberá dispor
dun acompañante as 24 horas do día e durante
todo o tempo que dure a proba", dunha a dúas
semanas, situación que José Luis Vázquez non
pode asumir "por circunstancias económicas,
familiares e persoais" que "llo impiden", e
motivo polo cal a proba lle foi denegada ao
tratarse de "requisito imprescindible" a
presenza do acompañante.
O paciente presentou unha reclamación, indica,
acompañada de documentación acreditativa da súa
"situación", a cal foi contestada pola Xefa da
Unidade de Xestión no mes de xuño indicando
outra vez que o acompañante é requisito 'sine
qua non'. Ante esta situación José Luis acudiu á
Valedora do Pobo e o Comité de Ética Asistencial
que emitiron un informe no que "recomendan que
deixe de ser un requisito imprescindible contar
con acompañante para a proba", mais a día de
hoxe a realización da dita proba segue sen data.
A Asociación de Pacientes do CHUS considera que
os criterios do Servizo de Neuroloxía constitúen
"unha vulneración do dereito á atención
sanitaria" recollido no ordenamento xurídico e
"constitúe unha práctica discriminatoria non
admitida pola lexislación sanitaria e a
Constitución", ao "vulnerar o dereito á
asistencia sen discriminación ningunha por
calquera condición ou circunstancia persoal ou
social", advirten.
Galiciapress
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript