NÚMERO 326 - 19/09/2016
CUTUDC / Novidades
Organizado por diversos colectivos de Madrid que durante os últimos anos traballaron nas áreas arredor das que se articulará a xornada –vivenda e pobreza enerxética, urbanismo e mobilidade, remunicipalización e auditoría da débeda–, este encontro pecharase cun debate amplo para tentar trazar unha folla de ruta que active a mobilización e expoña novas formas de facer efectiva a delegación institucional de funcións en organizacións e movementos sociais.
A intención
principal é acordar entre todas as persoas
asistentes as liñas de movemento que orienten o
avance neste curso político e marquen o pulso
ao poder institucional. "Derivar todos os nosos
esforzos e recursos humanos cara a unhas
estruturas viciadas, corruptas e de difícil
transformación ten como consecuencia a
desmobilización", explican desde a convocatoria.
Para quen organizan o encontro, a
mobilización cidadá e o desborde son
imprescindibles para exercer contrapoderes que
equilibren o déficit democrático que a entrada
nas institucións como o concello de Madrid non
conseguiu reducir. "Ostentar o goberno municipal
non supón ter o poder e o movemento na rúa segue
sendo fundamental para exercer o contrapeso
político", afirman.
Vivenda e pobreza enerxética
O obxectivo deste eixo no encontro será
revisar os problemas máis perentorios e expor
posibles solucións. Tamén se analizarán os
grandes retos a futuro que deberán controlar as
políticas municipais e autonómicas para que
deixen de ser o soporte da especulación
inmobiliaria, e reconduzan os seus obxectivos e
propostas cara ás necesidades da cidadanía.
Remunicipalización
O debate sobre as distintas fórmulas de
xestión do público e a participación cidadá en
asuntos que lle competen directamente será
obxecto doutra mesa no encontro. "A importancia
deste debate non debe facernos esquecer que sen
conseguir arrebatar a xestión ás empresas
privadas, maiormente multinacionais, non
poderemos abordar nas práctica ditas posibles
fórmulas; aínda que non é menos certo que convén
ir xerando consensos arredor dos tipos de
xestión que nos parezan máis xustos e
participativos", afirman
Urbanismo e mobilidade
Neste eixo de discusión, o obxectivo do
encontro será acordar unha folla de ruta común
entre colectivos e plataformas para traballar
sobre ela dándolle continuidade no tempo,
ampliando as alianzas con espazos críticos
dentro das institucións e "utilizando os
mecanismos de participación que a institución
municipal está a despregar (foros locais,
participación dixital, mesas sectoriais) ou de
deslexitimalos cando así se considere (como no
caso de Praza de España)".
Auditoría da débeda
En Madrid, o concello ten actualmente
compromisos de pago por uns 4.700 millóns de
euros, sendo así o municipio máis endebedado do
Estado, grazas ás políticas das administracións
anteriores do PP, chegando a un máximo de
endebedamento de 7.733 millóns.
Os resultados están á vista de calquera:
recortes nos servizos sociais; privatización do
público; teito de gasto nas administracións
públicas imposto pola lei Montoro; mentres que
unha parte da poboación está en risco de pobreza
ou sofre de pobreza enerxética; a precariedade;
o desemprego, etc.
DIAGONAL PERIÓDICO
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript