Setembro de 2016
 
 

NÚMERO 326 - 19/09/2016

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

A Mesa alerta dun novo decretazo de odio a Galiza e ao galego

A Mesa pola Normalización Lingüística mostrou o seu rexeitamento ao Decreto de atención cidadá que, segundo anunciou o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixó, deixará de ter o galego como lingua preferente da administración.

 

  • Noticias relacionadas

 

  •  

    En rolda de imprensa, o presidente da Mesa sinalou  que Feixó utiliza o galego para rabuñar o sector máis extremista e intrasixente do electorado, sen dubidar en utilizar a mentira e os prexuízos para o galego o  que demostra un nível de irresponsabilidade tan grande que moralmente está inhabilitado para gobernar.
     
    Aínda que o texto do novo decreto só se coñece polas declaracións do presidente da Xunta, os seus  precedentes de odio ao galego son suficientes para pórse no peor dos casos e prever un novo decretazo de odio ao galego e a Galiza. “Feixó comezou o seu primeiro mandato actuando contra o galego no ensino e quere rematar derrogando pola porta de atrás a Lei de Normalización Lingüística e todos os acordos tomados por unanimidade favorábeis ao galego”, sinalou o responsábel da Mesa, que engadiu que “o lamentábel é que o faga para rabuñar unha presada de votos fanáticos” , polo que pediu ás persoas moderadas que votan ao Partido Popular e mesmo aos cargos públicos que realmente queren Galiza e a súa lingua, que mostren publicamente o seu rexeitamento a esta nova campaña de galegofobia e o seu apoio á lingua que nos une. “Lingua e dignidade colectiva van unidas, e coa dignidade das galegas e galegos non se pode mercadear”, afirmou.
     
    “As propostas electorais deberían ser para mellorar a situación de Galiza, ligada ao seu idioma e maior creación, non para ver como se destrúe o pouco que se avanzou, como fai Feixó en relación ao idioma”. “Alguén imaxina un responsábel político falando de como liquidar a sanidade pública en plena campaña? Pois iso é o que fai Feixó coa saúde lingua galega”, afirmou.
     
    Para cando Feixó blindará os dereitos das persoas galegofalantes.
     
    O presidente da Mesa cualificou de “asneira” impropia do máximo responsábel da Xunta, falar de “blindar os dereitos dos castelanfalantes” cando é o primeiro que debería saber que a administración xa garante a atención en castelán, “blindada non só pola lexislación galega senón pola propia Constitución Española  que sitúa como linguas inferiores en dereitos e deberes ás linguas propias e mentres a mesma administración non garante e vulnera sistematicamente o dereito a atención en galego”.
     
    “Até tal punto é así que nas queixas recibidas pola Liña do galego no 2015, o 50% tiñan relación coa administración”, asegurou.
     
    Impresos bilingües español- inglés nos colexios
     
    A Mesa sinalou exemplos concretos, acontecidos só na última semana, de exclusión do galego nos servizos públicos: “estes días nais e pais de toda Galiza están a recibir o impreso de domiciliación dos comedores escolares en perfecto bilingüe español-inglés”declarou mentres mostraba copia do impreso; mostrou fotografías da información a doentes no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, ou nun centro de saúde, só en castelán; e asegurou ademais que até hai uns meses o SERGAS excluía o galego da súa conta de Twitter até que a Mesa se dirixiu a eles para que mudasen ese comportamento. Todos os días a administración mostra actitudes de desprezo ao galego e en vez de corrixilas, como é a súa obriga,  o presidente da Xunta anuncia “blindaxes para o castelán”. Para cando Feixó blindará os dereitos das persoas galegofalantes?, preguntouse.
     
    Lembrou tamén como a propia Mesa foi multada por reclamar respostas en galego pola Axencia Tributaria nun procedemento iniciado en galego pola propia entidade en defensa do idioma, e como tivo que soportar ano e medio de recurso até gañar sen que a Xunta movese un dedo para corrixir unha situación que lle pode acontecer a calquera cidadá.
     
    “Onde está a oferta positiva en galego que indicaba o PXNLG?”
     
    Maceira repasou a situación do galego en varios sectores: hai cidadás e cidadáns aos que se lle impede falar galego nos xulgados; só o 5% dos xuices utilizan o galego sen qeu o 95% restante teña obriga sequera de coñecer o galego; existen limites legais para que as empresas galegas exporten etiquetando en galego, o Estado español conta con máis de 500 de disposición legais que obrigan ao uso do español mentres a pouca lexislación favorábel ao galego se vulnera constantemente con decretos coma este.
     
    Citou expresamente a escasa lexislación a favor do galego, tamén na administración, como a Lei de Normalización Lingüística, que no seu artigo 4.1 sinala:  O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma; no artigo 22: O Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega”; e no 23: O goberno galego establecerá unha plan destinado a resaltar a importancia da lingua (…) e a pór de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten respecto da súa conservación, protección e transmisión. “Este Plan é o PXNLG que ía impulsar unha inexistente oferta positiva en galego na administración”, afirmou o presidente da organización para a normalización do galego.
     
    “Coas declaracións á saída do Consello da Xunta asume Feixó a dirección o proceso de normalización?  “mais ben parece a lapidación do idioma”, afirmou.
     
    O presidente da Mesa reiterou que fronte á sobreprotección do español, a cidadanía que quere  falar na lingua propia de Galiza está absolutamente indefensa pola desidia e desleixo dunha Xunta que non só non actúa senón que cando o fai vai directamente en contra do galego, sementando falsidades e prexuízos que só contribúen a danar aínda mais a xa precaria situación.
     
    Onde están os dereitos das e dos galegofalantes? Cando se preocupou o Presidente da Xunta de “blindar” os seus dereitos?
     
    Mobilización social a favor do galego

    A Mesa pediu tamén que a “enorme mobilización social a favor do galego dos últimos anos se exprese nas urnas optando por opcións que aposten pola lingua de Galiza e por cumprir cos acordos acadados colectivamente”.
     
    O responsábel da entidade indicou que agardarán a coñecer o contido exacto do decreto anunciado onte por Feixó, “para estudar as accións que tomaremos sen descartar, por suposto as legais e a mobilización social, mais temos o 25 de setembro unha oportunidade para expulsar o odio ao galego da institucións”.
     

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript