NÚMERO 327 - 26/09/2016
CUTUDC / Novidades
Representantes de 77 organizacións civís acudiron hoxe ao Congreso dos Deputados para solicitar a comparecencia urxente do ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz. Os colectivos esixen que o ministro explique o sucedido o pasado 10 de setembro en Ceuta, cando un grupo de ao redor de cen persoas entraron en territorio español saltando o valo e a Garda Civil devolveu en quente a 61 destas persoas, como mostraban varios vídeos publicados en medios de comunicación.
Estas
organizacións lembran que as devolucións en
quente, aínda coa entrada en vigor da última
reforma da
Lei de Seguridade Cidadá –que nunha das súas
disposicións finais coaba a cobertura legal
desta práctica–, requiren que se respecte “a
normativa internacional de dereitos humanos e
protección internacional da que España é parte”,
como sinala a propia Lei de Seguridade Cidadá.
Tamén sinalan que a Defensora do Pobo emitiu
varias recomendacións ao Ministerio de Interior
nas que apunta a “necesidade de ditar unha
resolución administrativa, con asistencia
letrada e de intérprete, e indicación dos
recursos que se poderán interpor contra ela”, e
que se debe deixar constancia escrita diso, así
como que se verificou que a persoa é maior de
idade e non é vítima de trata de seres humanos.
O Consello de Europa tamén rexeitou en repetidas
ocasións a práctica das devolucións en quente
que realiza España, recomendando o cesamento na
entrega de persoas inmigrantes ás forzas
auxiliares marroquís, dado os malos tratos que
estes inflixen ás persoas devoltas.
O comisario Dimitris Avramopoulos, en nome da
Comisión e en resposta
escrita do 25 de novembro de 2015 e 29 de
xaneiro de 2016, expuxo que “o respecto do
principio de ‘non devolución’ no contexto das
operacións de retorno inmediato, como as
aplicadas nas fronteiras exteriores de Ceuta e
Melilla, pode garantirse se quen estean suxeitos
ao retorno inmediato teñen a posibilidade, de
feito e de dereito, de presentar unha posible
petición de protección nun paso fronteirizo de
fácil acceso”. Posibilidade que, segundo afirman
desde estes colectivos, é de “imposible
cumprimento coa aplicación desta práctica”.
Pola súa banda, o Tribunal Europeo de Dereitos
Humanos (TEDH) admitiu a trámite nos últimos
meses tres demandas de particulares que sufriron
en primeira persoa estas prácticas por posibles
vulneracións de Dereitos Fundamentais.
Diagonal Periódico
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript