NÚMERO 327 - 26/09/2016
CUTUDC / Novidades
Nun escrito remitido pola Xunta a ADEGA na tramitación da declaración Utilidade Pública desta asociación ecoloxista, a Vicepresidencia e consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza solicita o achegamento da documentación -inicialmente presentada en galego- en castelán, “coa fin de evitar dilacións na tramitación do procedemento”.
Santiago de
Compostela, 21 de setembro de 2016-. A Mesa
pola Normalización Lingüística e ADEGA
(Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
veñen de denunciar un novo caso de
discriminación, imposición e chantaxe
lingüistica por parte da Xunta na tramitación
dun expediente administrativo.
A Xunta xustifica a súa petición en que o
Ministerio de Facenda, que debe emitir informe,
“está a requerir a documentación en lingua
castelá”. Cómpre subliñar que o órgano
substantivo para resolver este procedemento é a
Xunta, e por iso sorpréndenos que sexa a propia
administración galega a que inste a usar o
castelán fronte ao galego para “axilizar
trámites”.
Desde ADEGA e A Mesa lémbraselle á Xunta o
disposto no artigo 36.1 da Lei 30/1992 de Réxime
Xurídico e Procedemento Administrativo Común:
“A lingua dos procedementos tramitados pola
Administración Xeral do Estado será o castelán.
Porén o anterior, os interesados que se dirixan
aos órganos da Administración Xeral do Estado
con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma
poderán tamén empregar a lingua que sexa
cooficial nela. Neste caso, o procedemento
tramitarase na lingua elixida polo interesado.
(…)”
Á marxe a actitude de discriminación, imposición
lingüística e falla de cumprimento da legalidade
amosada polo Ministerio de Facenda neste caso,
para ADEGA e A Mesa resulta intolerábel o
desleixo da Xunta no cumprimento da súa función
normalizadora contemplada na Lei de
Normalización Lingüística de 1983 e no Plano
Xeral de Normalización de 2004.
A administración galega, que debería se a
primeira defensora da legalidade e valedora dos
nosos dereitos lingüísticos, amósase cómplice
coa actitude discriminatoria de Facenda ao
promover a utlización do castelán “para
evitar dilacións”, nun claro exercicio de
imposición e chantaxe lingüística.
Trátase doutro exemplo de que “en castellano,
no hay problema”, mais desta volta
perpetrado coa complicidade da mesma
administración galega, que precisamente ten a
encomenda legal de defender a nosa lingua.
http://www.amesa.gal/noticias/noticias-da-mesa/para-evitar-dilacions-mellor-en-castelan-novo-caso-de-discriminacion-linguistica-da-xunta
http://www.adega.gal/novas.php?id=518&idioma=gl&sec=7
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript