Outubro de 2016
 
 

NÚMERO 328 - 03/10/2016

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Resumo do Consello de Goberno

O pasado día 28 realizouse unha nova reunión do Consello de Goberno. Aproveitamos a sesión para interesarnos polas cuestións que nos transmitistes, a roupa de traballo e os altos índices de Radon detectados na Casa do Lagar.

 

  • Noticias relacionadas

 

    No seu informe o reitor destacou o nomeamento de Ramón del Valle como novo xerente, sinalando que, unha vez máis, os medios de comunicación se adiantaban ao equipo de goberno da universidade no anuncio dunha cuestión que correspondería facer antes de nada, no propio Consello de Goberno. A este respecto indicou que a pesar da ausencia do xerente as súas funcións seguían desenvolvéndose polos vicexerentes. Comunicou que a designación de xerente xa se lle comunicara ao Consello Social.
     
    No desenvolvemento da reunión, no punto 5. Aprobación, se proceder, da proposta de novo Regulamento electoral xeral sinalamos que no Artigo 28. Cuestións relativas ao Claustro Universitario, o parágrafo 2:
     
    “2.  A determinación do número de representantes que corresponde a cada circuns-crición, que será realizada pola Secretaría Xeral, deberá ser proporcional ao núme-ro de persoas electoras en cada sector.”
     
    Non ten ningunha razón para se contemplar pois o Regulamento de Réxime Interno do Claustro Universitario xa indica a composición e a porcentaxe que corresponde a cada colectivo.
     
    O parágrafo retírase por aceptación xeral.
     
    No punto 12. Quenda aberta de intervencións sinalamos:
     
    A roupa de traballo debería entregarse no segundo trimestre do ano. A día de hoxe, transcorrido o terceiro trimestre as traballadoras e traballadores aínda non recibiron a roupa á que teñen dereito, e non saben cando se lles entregará.
     
    Sabemos que o problema deriva dunha licitación fallida, pero as traballadoras e traballadores non poden esperar máis pola roupa.

    Requiro ao equipo de goberno a que tome as decisións oportunas para dar solución a esta situación.
     
    Van varias veces que sinalo a circunstancia á que me vou referir.
    O que está a suceder coa detección da presenza de Radon nalgunhas dependencias da universidade esixe cando menos un cambio de actitude por parte da institución, valga como exemplo a situación acontecida na Casa do Lagar.
     
    Detéctase a presenza de Radon nas dependencias de Cultura e trasládase o servizo ao Campus de Riazor, á Xunta de Persoal non se lle informa(sabémolo pola comunicación das propias traballadoras) e @s traballador@s doutras dependencias minimízaselles os efectos da situación sinalándoselles que o gas non lles afectará, póñense medidores e nada máis. Pasa o tempo e detectase no primeiro andar que a concentración do gas é o triplo da permitida.
     
    Esiximos, diante dun problema de saúde tan importante, que a universidade tome en serio a situación adopte as medidas oportunas en cada circunstancia e se informe de xeito exhaustivo da situación @s traballador@s afectadas e á Xunta de Persoal.
     
    Sobre a roupa o reitor indica que hai que agardar polo novo xerente para solucionar a situación.
     
    Sobre o Radon, indica que a Universidade da Coruña é a única universidade galega que, de xeito voluntario, fai a medición e adopta medidas sobre a presenza deste gas, que en canto se detectan medicións máis aló do permitido toma as medidas correspondentes sempre tendo en conta a defensa da saúde de traballadores, alumnos e profesores, que non se debe crear alarma nun tema de saúde tan importante. Pide tranquilidade porque se están tomando as medidas necesarias de xeito inmediato.
     
    Sinalamos nunha intervención posterior que o que se requiría era, por un lado que o órgano de representación das traballadores e traballadoras e as persoas afectadas reciba a información pormenorizada da situación pois dáse a situación de que as traballadoras da Casa do Lagar intentaron acceder a dita información e a persoa sinalada para exercer de intermediario tampouco coñecía información sobre a situación.
     
    Responde de novo o reitor que indica que os traballadores teñen que ter a seguridade de que en canto se detecten medicións inadecuadas actuarase inmediatamente, polo tanto a tranquilidade debe ser absoluta.

     

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript