Outubro de 2016
 
 

NÚMERO 329 - 10/10/2016

   CUTUDC / Novidades

  #aconquistadodereito
 

A interinidade e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea

Neste mes de outubro de 2016, a Comisión do Social da Asociación Xuíces para a Democracia publicou un número extraordinario monográfico sobre unha recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

 

  • Noticias relacionadas

Trátase da Sentenza do Tribunal de Xustiza, Sala Décima, de 14 de de setembro de 2016 (asunto Diego Porras), que considera que España infrinxe as normas laborais europeas en materia de encadeamento de contratos temporais. En concreto, o TXUE ditaminou que a lei española que permite a sucesión de contratos de duración determinada para atender a necesidades que en realidade son permanentes é contraria á normativa da Unión Europea. Ou polo menos éo a norma que o regula no marco do sector da saúde.
 
Esta sentenza versa sobre o caso dunha enfermeira (Ana de Diego Porras, cuxos apelidos levaron a máis dunha/un a pensar, ao ler o título da sentenza, que se trata dun home) que traballaba no Hospital Universitario de Madrid (o Clínico), contratada inicialmente para “a realización de servizos determinados de natureza temporal, conxuntural ou extraordinaria” durante uns meses no ano 2009. Cada vez que vencía o contrato temporal, renovábase de novo, e así ata en sete ocasións. Desta forma, a Sra. Diego Porras traballou de forma ininterrompida no devandito hospital durante máis de catro anos, ata que foi cesada no mes de xuño de 2013. Neste momento recorreu en vía administrativa o seu cesamento, considerando que a súa temporalidade non respondía a necesidades conxunturais ou extraordinarias dos servizos de saúde, senón que se trataba dunha evidente actividade permanente.
 
O recurso da enfermeira repartiuse no Decanato e recaeu sobre o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 de Madrid, que solicitou ao TXUE que dilucidase se o Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde españois, que permite a renovación de nomeamentos de duración determinada no sector dos servizos de saúde, é contrario ao acordo marco europeo sobre contratación temporal. A resposta foi afirmativa: “o Dereito da Unión Europea oponse a unha norma nacional que permite a renovación de nomeamentos temporais para atender necesidades temporais en materia de persoal, cando estas necesidades son en realidade permanentes“.
 
O TXUE, así mesmo, establece na sentenza que as situacións comparables entre traballadores/as temporais e indefinidas/os non poden tratarse de forma diferente, salvo que exista unha “causa obxectivamente xustificada” que o posibilite. Con iso, vén sinalar co dedo a España por discriminar a traballadores/as interinos/as e, concretamente, por non indemnizar adecuadamente a estas/os traballadoras/es á finalización do seu contrato.
 
A revista monográfica sobre a Sentenza do TXUE de 14 de setembro de 2016 pódese descargar na seguinte ligazón: outubro-non-extraordinario-stjue-diego-porras
 
Diagonal Periódico

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript