NÚMERO 329 - 10/10/2016
CUTUDC / Novidades
Un grupo de produtores e sindicalistas de Unións Agrarias concentráronse no Alcampo de Santiago para informar ós consumidores sobre as marcas do grupo francés, que aconsellan non mercar. Retiraron os produtos da industria gala dos lineais.
O pulso entre
os gandeiros e Lactalis continúa. Un grupo de
gandeiros, convocado por Unións Agrarias,
protagonizou hoxe no Alcampo de Santiago o segundo
acto da campaña de boicot contra a industria gala,
tras o realizado semanas atrás en Lugo. Proximamente
celebrarase un novo acto en Pontevedra e
planifícanse tamén accións para o resto de España.
O obxectivo dos produtores é concienciar ós
consumidores sobre a necesidade de evitar a compra
das marcas do grupo galo. Con ese fin, repartiron
folletos informativos entre os clientes de Alcampo
nos que se aconsellaba non mercar marcas como
Puleva, Ram, President ou os queixos de Gran Capitán
e El Ventero.
Xa no interior do centro, o grupo de gandeiros e
sindicalistas, arredor dunha trintena, marchou con
carros da compra ata a zona de lácteos e quitou dos
lineais o leite de Puleva e os queixos das marcas de
Lactalis. Caixas, briks e envases etiquetáronse
ademais con pegatinas nas que se recomendaba non
mercar esas marcas por perxudicar ó sector gandeiro
galego.
Motivos do boicot
Antes do acto, que contou cunha nutrida presenza de
medios de comunicación, o responsable de Servizos de
Unións Agrarias, Óscar Pose, detallou os motivos do
boicot.
“Hai dúas causas fundamentais. En primeiro lugar,
por unha apropiación indebida de máis de dous
millóns de euros, froito do acordo ó que chegamos
coa distribución en decembro. Por ese acordo, a
distribución estalle pagando 2 céntimos a maiores
por litro de leite a Lactalis para que nolos
traslade ós gandeiros, pero Lactalis estase a quedar
con eses cartos”, cuestiona Pose, que lembra tamén
que xa emprenderon accións xudiciais contra a firma
gala.
O segundo motivo dos gandeiros céntrase en pedir
unha mellora dos contratos co xigante galo, o
principal recolledor de leite en Galicia, cunhas
1.200 granxas proveedoras. “Lactalis fixou ata
febreiro un prezo de 27 céntimos, pero na situación
actual de recuperación de prezos, esa cotización é
insuficiente. Dicíase que a causa de que non subise
o prezo eran os mercados internacionais de lácteos.
Agora que eses mercados subiron, teñen que
recoñecelo mellorando o prezo no campo”, conclúe.
Vellos contratos
Lactalis retirou recentemente os anteriores
contratos, con prezos a menos de 26 céntimos,
segundo Unións, pero o sindicato reclámalle tamén
que lle abone ás granxas proveedoras os entre 1 e 2
céntimos que lle estivo descontando no prezo do
leite durante tres meses en relación ós novos
contratos. “Poden ser arredor de 500 euros por
granxa”, calculan. “Agardamos que os pague na
próxima liquidación”.
O diálogo entre ambas as partes semella enquistado,
polo que é de esperar que esta campaña de boicot
continúe e se intensifique nas próximas semanas.
Unións demanda tamén a intervención da
Administración. “Todo isto que está pasando sería
imposible sen unha Administración que estivera
mirando para outro lado”, critican.
Campo Galego
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript