Outubro de 2016
 
 

NÚMERO 329 - 10/10/2016

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Desculpe a espera, todos os nosos operadores atópanse en folga

Bos días, quería falar coa persoa titular do teléfono, luz, gas, seguro, conta, tarxeta, billete, cita, consulta, emerxencia, avaría ou incidencia. É vostede? Encantada de saudarlle. Como quere que me dirixa a vostede?

 

  • Noticias relacionadas

 

O motivo da miña chamada é informarlle da nosa última promoción, por se lle interesa a vostede ou a algún familiar. Trátase dun posto de traballo no sector de atención telefónica e telemarketing, unha oportunidade incomparable para coñecer un dos empregos máis precarios, peor pagos e con maiores taxas de automedicación e absentismo por tensión e depresión.
 
Connosco gozará de contratos temporais e a tempo parcial, con cambios de quenda e dispoñibilidade horaria absoluta, ritmos frenéticos e presión constante, a cambio de salarios que con frecuencia non superan os 6 euros por hora. Infórmolle tamén das nosas facilidades para o despedimento, incluídas traballadoras embarazadas, e os nosos formidables descontos, sen competencia: un 5% menos de poder adquisitivo desde 2010. Se desexa coñecer tamén as nosas ofertas en saúde laboral e ergonomía, permaneza á espera, por favor.
 
A nosa empresa conta con anos de experiencia como subcontrata de todo tipo de servizos telefónicos, e é líder en externalizar actividade a outros países onde paga soldos aínda máis baixos. Garantimos un 100% de persoal en todo momento, pois aínda que despedimos con facilidade (e ao que non despedimos acábase marchando por non aguantar máis), contamos cunha enorme reserva de paradas e parados dispostos.
 
(Tome aire, pero manteña o sorriso)
 
¿Segue aí, señor ou señora...?
 
Quería aproveitar tamén para pedirlle desculpas polas veces en que o/a molesto en horarios incordiantes, doulle un mal servizo, non resolvo a súa consulta, escóndolle o prezo final ou lle vendo motos. Saiba vostede que a nosa empresa prima a cantidade de chamadas antes que a calidade das mesmas, e que a rotación, o ritmo de traballo e a pouca formación deterioran un servizo que se non é aínda peor é polo empeño que poñemos as traballadoras e traballadores. A nosa empresa quere tamén agradecerlle que descargue o seu enfado comigo, pois entre as miñas funcións está facer de pantalla e poñer a cara para as labazadas que non reciben os directivos.
 
Non se retire aínda, por favor, estamos a piques de terminar. A continuación voulle pasar co departamento de renovacións, onde unha compañeira "retenedora" lle informará das tretas que se ve obrigada a utilizar para impedir que os clientes se dean de baixa, de cuxo éxito ou fracaso dependen os seus ingresos. Pasareille tamén cun compañeiro do departamento comercial que lle contará como vende alarmas de fogar metendo medo aos clientes, pois entre as nosas funcións tamén ás veces está enganar, aproveitarnos dos débiles e gardarnos escrúpulos e principios éticos se queremos cobrar a final de mes.
 
Por último, gustaríame informarlle de que, a pesar de ser un sector que parecese expresamente deseñado para facer imposible a loita colectiva, as traballadoras e traballadores non nos rendemos, e moitas de nós fixemos folga onte. Rógolle desculpas se non puido ser atendido e quedou escoitando esa odiosa musiquiña de espera en bucle, ou foi desviado a un call center noutro país, pero os nosos operadores estaban a facer folga. Colgamos os cascos.
 
Grazas pola súa colaboración, teña un bo día."
 
Zona Crítica

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript