Outubro de 2016
 
 

NÚMERO 330 - 17/10/2016

   CUTUDC / Novidades

  PARAÍSOS FISCAIS
 

A impunidade da gran delincuencia financeira

O caso de Panamá, que causou moito balbordo, non é nin de lonxe a única aberración en materia fiscal. Como explicar, por exemplo, que as Bermudas –onde o banco Société Générale ten unha filial que obtivo 17 millóns de euros de cifra de negocio en 2013 sen ningún asalariado- fosen retiradas da lista francesa dos paraísos fiscais en xaneiro de 2014?

 

  • Noticias relacionadas

 

Como Bélxica puido esperar a 2015 para colocar oficialmente o gran ducado de Luxemburgo na lista belga dos paraísos fiscais? Como é posible que certos Estados europeos, a Unión Europea (UE), o Grupo de Acción Financeira Internacional (GAFI), organismo intergobernamental de loita contra o branqueamento de diñeiro, a OCDE ou o FMI teñan listas de paraísos fiscais distintas?
 
Esta incoherencia das falsas solucións achegadas por actores que supostamente loitan contra a fraude e a evasión fiscal favorece a impunidade dos grandes delincuentes financeiros que gozan, doutra banda, dunha xustiza a medida, tolerante ou continuamente esquivada.
 
A directiva sobre o “segredo comercial” protexe aos delincuentes e encarcera aos xornalistas
Só algúns días antes do proceso contra o filtrador Antoine Deltour, na orixe das revelacións do LuxLeaks, e dez días despois do principio das revelacións dos Papeis de Panamá sobre as sociedades offshore en paraísos fiscais, a directiva europea sobre a protección do “segredo comercial” foi aprobada no Parlamento Europeo o 14 de abril de 2016.
 
A pesar dunha petición contra esta iniciativa asinada por máis de 500.000 persoas, unha gran maioría dos eurodeputados aprobaron o texto por 503 votos a favor, 131 en contra e 18 abstencións dos 652 eurodeputados presentes no Parlamento ese día.
 
Ao lado francés, tan só os dez representantes de Europe Écologie-Os Verdes e da Fronte de Esquerda votaron en contra, mentres que a Fronte Nacional, o Partido Socialista e a dereita votaron maioritariamente a favor. De Bélxica, só tres eurodeputados votaron contra esta directiva dos 20 que participaron no voto.
 
No conxunto, obsérvase, unha vez máis, un gran entendemento entre as dúas grandes familias liberais no Parlamento Europeo, o Partido Popular Europeo e os socialdemócratas (S&D), que maioritariamente votaron a favor desa lei liberticida.
 
Esta directiva, proposta en novembro de 2013 pola Comisión Europea, ameaza “o traballo de investigación dos xornalistas e, por extensión, a información revelada do cidadán”, protexe ás empresas e as súas manobras ilegais prohibindo a divulgación dos seus “segredos económicos” á opinión pública interesada.
 
Compromete seriamente o traballo dos xornalistas, filtradores, ONG e outros actores que tentan sacar á luz informacións sensibles de utilidade pública. “Isto vai a voltear a carga da proba cara aos xornalistas, que deberán probar que a difusión da información era lexítima”, advirte Véronique Marquet, membro e avogada do colectivo Informer N’est Pas un Délit (“informar non é un delito”). “Isto (é igual a) preguntarlles –continúa- se están dispostos a asumir o risco de ser condenados, o que constitúe unha verdadeira arma de disuasión a disposición das empresas”.
 
Criminalidade financeira e denuncia: dous pesos, dúas medidas
Para completar o escándalo, seguindo a mesma lóxica, a xustiza luxemburguesa acaba de colocar os intereses das multinacionais por encima do interese xeral. Mentres que os organizadores da evasión fiscal gozan dunha total impunidade, a sala correccional número 12 do tribunal de distrito de Luxemburgo condenou ao filtrador francés Antoine Deltour a 12 meses de prisión con suspensión da pena e 1.500 euros de multa. Raphaël Halet, outro filtrador, foi condenado a nove meses de prisión con suspensión da pena e mil euros de multa.
 
Estes dous filtradores, por tanto, permitiron que os cidadáns europeos descubrisen como centos de empresas multinacionais puideron escapar masivamente aos impostos, asinando acordos secretos con Luxemburgo. Revelaron informacións cruciais para o interese xeral e deberían estar protexidos e recompensados no canto de perseguidos e condenados.
 
As súas condenas lembran aos procesos contra un dos fundadores do movemento Alternatiba e de Action Non Violente COP21 (ANV-COP 21), Jon Palais. Activista da asociación Bizi! (“vivir” en vasco), está acusado de “roubo en grupo” e será xulgado o 9 de xaneiro de 2017 por participar nunha requisa cidadá de cadeiras nunha sucursal do BNP Paribas en París.
 
O banco francés, que ten un beneficio neto de 6.700 millóns de euros no ano 2015, está moi implantado nos paraísos fiscais e xudiciais, con 170 filiais declaradas, das que boa parte aínda están en activo. A súa recente decisión de pechar as súas sucursais nas illas Caimán británicas é moi insuficiente. Os capitais que se evaden nos paraísos fiscais fan profunda falta ao Estado, que se endebeda para afrontar os seus gastos.
 
Lembremos que en Francia un informe do grupo de traballo do Colectivo por unha Auditoría Cidadá (CAC) determina que máis da metade da débeda pública provén de agasallos fiscais e de taxas de interese excesivas. No seu libro Offshore, paradis fiscaux et souveraineté criminelle ("Offshore, paraísos fiscais e soberanía criminal"), Alain Deneault aclarábanos as consecuencias desta fraude: “Defraudar ao fisco non se limita a aforrar gastos, senón que consiste en prexudicar o financiamento das institucións públicas e, en consecuencia, a noción mesma de ben público, para constituír polos de decisión offshore ocultos sobre cuestións de envergadura histórica”.
 
Diagonal Periódico

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript