Outubro de 2016
 
 

NÚMERO 330 - 17/10/2016

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

O sindicato morreu, viva o sindicato

Xúrolles que eu cría que as habitacións de hotel limpábanse soas: que tiñan un mecanismo de autolimpeza polo que un saía pola mañá, e ao volver ao mediodía atopábase a cama feita, as toallas cambiadas, a roupa dobrada, a moqueta aspirada e un carrameliño na almofada. E resulta que non, que son miles de traballadoras as que o fan, supoño que entrando e saíndo polas rexas do aire ou algunha porta secreta, porque doutra forma non me explico a súa invisibilidade absoluta.

 

  • Noticias relacionadas

 

Pero esa invisibilidade acabouse: "as que limpan" convertéronse en "As Kellys", unha asociación que está a revolucionar os sempre silenciosos corredores dos hoteis, esixindo dereitos, poñendo denuncias e presentando propostas para mellorar as condicións dun dos sectores máis precarios e desprotexidos, e que non deixa de empeorar mentres a industria turística bate récords. Pensaba darlles datos de horarios, salarios e demais, pero mellor propóñolles un exemplo práctico: a próxima vez que durman nun hotel, fáganse a habitación vostedes mesmos. Cama e baño completo, e no menor tempo posible. Despois, cansos e con dor de costas, multiplíqueno por toda unha planta enteira, e imaxinen que lles pagan dous euros por habitación.
 
Falabamos hai pouco da folga de teleoperadoras, e agora van As Kellys e confirman o que xa parece tendencia neste outono: as loitas laborais están a reactivarse por onde menos o esperabamos, no elo máis débil, entre a poboación máis precaria e desprotexida. O clásico "outono quente" están a acendelo os que case non teñen con que quitarse o frío.
 
Se lles parece milagroso que limpadoras de hotel ou teleoperadores se organicen e pelexen polos seus dereitos, súbolles a aposta: manteiros. Cabe pensar nun colectivo máis fodido? Inmigrantes, traballando na rúa, á marxe da legalidade, perseguidos, discriminados, vítimas de racismo. Pois aí xurdiu hai un ano outro brote inesperado de organización: o Sindicato Popular de Vendedores Ambulantes, un grupo de apoio mutuo que desde Barcelona quere estenderse a outras cidades.
 
Non se vaian aínda, que aínda hai máis: os músicos. Imaxínanse un sindicato de músicos? Sindiqué? Pero o de tocar a guitarra non era unha cousa romántica, por artistas de forte individualismo? Pois tamén montaron un sindicato, no ronsel do que antes fixeron a Unión de Actores e Actrices, ou o Sindicato de Guionistas ALMA (colectivos que ademais impulsaron as súas propias entidades de xestión contra o monopolio da SGAE).
 
Os músicos veñen dicir que xa vale, que son artistas pero tamén traballadores, e que a maioría malvive e sofre todo tipo de abusos na contratación. Acaban de presentar un Protocolo de Boas Prácticas, e teñen no punto de mira a festivais e promotores públicos, incluídos os concellos "do cambio". Esixen que os músicos deixen de ser falsos autónomos (no mellor dos casos, que moitos cobran en negro, ou nin cobran) e sexan contratados de maneira decente, con alta no Réxime Especial de Artistas. É dicir, "sexo, drogas, rock&roll e seguridade social". Yeah!
 
Poden parecer brotes illados, pero que va. Non son os únicos traballadores precarios, sometidos a subcontratas e externalización, que contra todo prognóstico están a dar a batalla. Aí están as recentes mobilizacións en museos de Bilbao e Barcelona. Non son moitos, pero cada vez son máis. Nalgúns casos a través de sindicatos tradicionais, aos que meten sangue novo e forzan a cambiar o paso; noutros creando as súas propias organizacións, aplicando ao laboral o que a PAH leva anos facendo co dereito á vivenda: autoxestión, empoderamento, coidado mutuo. Quitarse o medo xuntas.
 
Enterraramos o sindicalismo e bailaramos sobre a súa tumba, e mira ti por onde rexorden organizacións que, se chamen asociacións ou plataformas, son exactamente iso: sindicatos en sentido auténtico, formas de auto organización para defender dereitos laborais e sociais.
 
Repito unha frase que lle oín varias veces a César Rendueles: "Estamos obsesionados con crear partidos políticos, e o que necesitamos é un sindicato". Parece que, ante o bloqueo institucional e o arrefriado das expectativas electorais, a enerxía regresa aos poucos a rúas e centros de traballo. Menos nova política e máis novo sindicalismo, renovando os xa existentes onde seguen sendo útiles, e creando novas organizacións cando fan falta.
 
Limpadoras, manteiros, teleoperadoras, músicos… Onde imos parar! Que será o próximo? Camareiras? Empregadas de fogar? Bolseiras? Xornalistas?
 
Zona Crítica

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript