Outubro de 2016
 
 

NÚMERO 330 - 17/10/2016

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE DE VIGO
 

O Consello de Goberno revoca as RPT de PAS para aprobalas de novo

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo, reunido o día 10 de outubro, atendendo o indicado no informe da Asesoría Xurídica da Universidade, revocou as RPT de PAS funcionario e laboral, aprobada na sesión do 22 de xullo para, inmediatamente, volver a aprobalas. A revogación fíxose a raíz do recurso presentado polo Comité de Empresa ao non se incluír na documentación que acompañaba aos puntos do Consello do pasado mes de xullo os informes negativos emitidos polos órganos de representación, así como o informe favorable da Xunta de Galicia.

 

  • Noticias relacionadas

 

A continuación trascribimos a intervención do presidente do Comité de Empresa de Pontevedra Marcos Estévez.
 
“Señor Reitor, señoras e señores membros do Consello de Goberno:
 
Quixera comezar a miña intervención recorrendo ao Dicionario, para clarificar un concepto:  Negociar.  Segundo a súa primeira acepción do dicionario é tratar un asunto para chegar a un acordo ou solución.
 
Dende o ano 2000 non negociabamos unha RPT completa, dende as centrais sindicais considerabamos este proceso unha oportunidade para analizar as necesidades actuais e futuras da Universidade.
 
Pero lamentablemente, a decisión unilateral da Universidade de dar por finalizado o proceso sen informar sequera aos Órganos de  Representación do Persoal do documento final que ían presentar delata que todo foi un simulacro e a universidade tiña xa todo decidido antes da primeira reunión.
 
En vinteúnha reunións non houbo tal negociación, nin a intención de chegar a ningún acordo, dado que como rezan os estatutos da Universidade a obriga é negociar, pero non chegar a acordos, a Xerencia e a Vicerreitoría de Economía, entende como negociar o feito de expoñer as súas intencións, escoitar a quen ten enfronte e non mudar nada o seu criterio.
 
E nomeo a Vicerreitoría de Economía, porque é do que estamos a falar neste punto do Consello de Goberno, de Economía.
 
Esta RPT que se nos impón atende a un único criterio, aforrar custes de persoal e de contratacións coa ferramenta da flexibilidade.
 
E se nos “vende” a estabilización de prazas como un dos grandes beneficios da aprobación da RPT, prazas que se nos impuxeron nos últimos anos como necesidades da Universidade e que agora temos que estabilizar, sen analizar se esas necesidades son reais ou non, limitando as posibilidades orzamentarias de esta nova RPT.
 
Na mesa negociadora a parte social propuxemos modificacións, para achegar as nosas propostas ás da Xerencia, demos opcións para que dentro das necesidades que se nos indicaban que tiña a Universidade, atendelas sen menoscabar, ou tratando de facer o menor trastorno posible aos traballadores e garantindo os servizos que como traballadores públicos temos que dar, e atender.
 
Lamentablemente non se nos escoitou, nin se atendeu ós esforzos que facíamos para tratar de chegar a un acordo e se impuxo o criterio da Xerencia, porque xa sabemos que temos que negociar pero non acordar.
 
Despois de seis anos tratando de chegar a acordos coa Xerencia decatámonos de que este é o xeito de traballar desta Xerencia, so contempla como a mellor posibilidade a súa, tal e como está a expresar ultimamente nos sorprendentes comunicados que envía ás listas de correo, onde se nos di que menos mal que eles si saben o que e mellor para o persoal e que os representantes dos traballadores están a impedir o mundo feliz cara o que nos queren levar.
 
A Xerencia non se para a analizar o que lle estamos a dicir dende o outro lado da mesa, e menos mal que noutros ámbitos ten a obriga ou a necesidade de acordar porque de non ser así as cousas pintarían moito peor para o persoal de esta Universidade.
 
Os representantes dos traballadores somos persoal da UVIGO, que acudimos a negociar coa necesidade de acadar unha empresa cada vez máis forte e que garanta o noso futuro porque a moitos aínda nos quedan moitos anos de traballo nesta empresa, nesta Universidade.
 
Nós queremos seguir traballando nunha universidade que coida ás persoas e non só os edificios. Queremos unha universidade na que profesoras, alumnos, traballadores e traballadoras de todos os servizos teñan confianza no seu futuro.
 
Parece ser, segundo esta proposta de RPT que somos todas intercambiables, prescindibles, flexibilizables (desculpen o neotermo) e non entendemos moi ben cara ONDE imos realmente. O noso obxectivo e impedir crear un panorama desolador con servizos atendidos deficientemente e que delatan o esgotamento dunha institución que é demasiado xoven para dar tanto signo de cansazo.
 
Señor Xerente, Sr. Reitor, tomen as rendas da situación e non impidan que unha institución pública que ten que dar exemplo de dinamismo e esperanza na creación de emprego nestes tempos espantosamente difíciles, sexan exemplo de todo o contrario, de cadros de persoal esgotados e de nula previsión de futuro.
 
Xa o escoitaron algunha vez, pero para non ser demasiado pesado vou darlles un par de pinceladas de porque estamos en contra de esta RPT.
 
Modifica as condicións laborais de unha grande parte do persoal:
 
O persoal de conserxería ten que concursar, practicamente na súa totalidade, dado que non están identificadas as prazas que se suprimen e as que modifican a súa condición, cara a esta nova flexibilidade.
 
Imaxinen vostedes, señores PDI, traballadores tamén de esta Universidade  se no seu departamento de repente unha das prazas de Profesor Titular se converte nunha especie de “comodín” unha praza que signifique ter que cubrir calquera necesidade que se produza e alí onde se produza na facultade que se produza, independentemente de cal sexa a súa especialidade,  ¿Quen ocupa esa praza? todos os membros do seu departamento teñen a obrigatoriedade de concorrer, baixo uns criterios impostos dende fora a competir para manter a praza que teñen gañada nun proceso lexítimo ou ocupar a nova, pois iso e a o que nos obriga esta nova RPT.
 
Por iso si existe diferenza entre presentar os códigos alfanuméricos ou non, cales son as prazas que se eliminan, cales se declaran a extinguir, cales son as que asumen esa flexibilidade, iso queda recollido nos códigos alfanuméricos que non se nos entregaron na negociación, e si se presentaron no Consello de Goberno do 22 de xullo.
 
Ao persoal de biblioteca, lles cambian o destino a todos os traballadores do Campus de Vigo
 
O caso dos Técnicos de laboratorio, é moi chamativo pasan a ser do centro en vez de departamento a pesares do posicionamento en contra dos directores de Departamento que así llo fixeron saber a Xerencia. A pesares de anos de especialización e de dotación dos laboratorios e talleres cos orzamentos propios de cada departamento, agora pasan a ser de todo o Centro.
 
Igual pasa co persoal dos servizos informáticos, todos van a servir para todos, e non vou a ilustralos sobre as diferentes áreas que poden abarcar uns servizos informáticos.
 
E así ocorre con moitas outras áreas de traballo da Universidade que se ven modificadas por esta RPT de PASL.
 
Quixera tamén chamar a súa atención sobre as datas, porque me parece bastante grave o ocorrido.
 
O 20 de Xuño se nos da un ultimato ós representantes de persoal con unha proposta definitiva de RPT da Xerencia.
 
O 4 de Xullo o Comité de empresa de Pontevedra, presenta un Informe Negativo sobre esa proposta de RPT
 
O 13 de Xullo a Xerencia envía a proposta de Modificación da RPT á Xunta
 
O 15 de Xullo, si tan só 2 días despois (Qué eficacia da Xunta, non??) se emite un informe favorable dende a Consellería de Facenda sobre a nova RPT
 
Entón porqué o 22 de Xullo, data de celebración do Consello de Goberno onde se aprobou a RPT, se lle sustrae aos membros do Consello de Goberno esta información???
 
E ata aquí chegamos, lamentablemente non se nos escoitou, nin se atendeu ós esforzos que facíamos para tratar de chegar a un acordo porque coas nosas propostas se solucionaban moitos dos problemas que se planteaban.
 
Por último quixera dirixirme individualmente a cada un dos membros de este Consello de Goberno, vostedes asumen decisións sen analizar e sen contar cos datos, limítanse a votar aquilo que lles din sen ter un mínimo de espírito crítico e sen esixir as garantías que as súas decisións comportan para o persoal, iso o demostra o feito de que 22 de xullo, sen ter a información votaron a favor da RPT de PAS Laboral.
 
E hoxe ¿realmente saben o que van votar? ¿Están seguros de que o que van a decidir é conforme a dereito? Están seguros de que esta RPT de PAS L é o máis beneficioso para a Universidade?
 
Vostede como membro do Consello de Goberno asume a decisión que está a tomar ou simplemente se limita a facer aquilo que lle ordenan sen pararse sequera a ler o que ten diante?
 
Para ningún de nós e agradable estar aquí, vostedes deberían analizar porque despois de todo este proceso a saída que nos deixan é acudir a este Consello de Goberno a mostrar o noso desacordo e a nosa preocupación, os que estamos a outro lado das mesas de negociación necesitamos unha universidade forte, unha universidade que garanta o noso futuro.
 
Eu creo firmemente na Negociación, creo que podemos chegar a un acordo que permita cumprir os obxectivos do Equipo de goberno, sen menoscabar as posibilidades dos traballadores.
 
Este punto da Orde de día é para tomar en consideración o Recurso presentado polo Comité de empresa que eu Presido, sabemos que o van a tomar en consideración, porque como xa saben aquilo que votaron o pasado 22 de xullo adoece de graves deficiencias, pero o Comité de empresa do persoal de Administración e Servizos de Pontevedra tamén lles solicitamos que se retire o punto 6 da orde do día de este Consello de goberno, que voltemos á mesa de negociación e que se escoiten as nosas propostas.
 
Grazas”
 
Xan Cebro, presidente da Xunta PAS, dixo que pedirán responsabilidades patrimoniais e amosouse convencido de que van gañar nos tribunais e “van ter que indemnizar”. Anunciou que solicitarán a súa suspensión cautelar e denunciou a preocupación que este proceso está producir nos tres campus, en especial no de Ourense, “Ourense destrózano”, asegurou , ao tempo que alertou de que esta RPT ocasionará un moi mal clima laboral.
 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript