NÚMERO 335 - 21/11/2016
CUTUDC / Novidades
ADEGA e Mariña Patrimonio responsabilizan ao Servizo de Patrimonio de Lugo e ao Concello de Cervo deste fallo xudicial por non ter atendido a tempo as súas peticións de inventariado do xacemento.
Diante da recente
sentenza do Tribunal Supremo que obriga á Xunta a
indemnizar a empresa construtora, responsable da
destrución en 2007 de parte do castro da Atalaia,
tanto ADEGA, que dende o comezo estivo ao lado dos
veciños na defensa do castro, como Mariña
Patrimonio, asociación que naceu a partir deste
conflito, non temos ningunha dúbida de quen son os
responsables no sucedido no caso do xacemento da
Atalaia.
Para situármonos, cómpre lembrar o momento histórico
no que tiveron lugar os feitos, un momento no que o
boom urbanístico facía correr os cartos e
permitía medrar a corrupción por todas partes.
Coincidindo con este boom urbanístico, Promociones
San Ciprián comezou a comprar fincas para edificar
na Atalaia, lugar no que se atopa un xacemento
arqueolóxico.
Por este motivo e co fin de evitar unha desfeita
arqueolóxica, informouse persoalmente ao promotor
sobre a existencia deste ben patrimonial; alén
disto, o 29 de setembro de 2005, entregáronse no
Servizo de Patrimonio de Lugo uns restos
arqueolóxicos atopados no castro da Atalaia ao tempo
que se rexistraba un escrito advertindo sobre a
compra de terreos para edificar nesta zona, polo que
se solicitaba a protección do xacemento.
Por outro lado, como consecuencia das obras que o
Concello de Cervo estaba a realizar na Atalaia para
a construción dun observatorio de aves, os
arqueólogos do Servizo de Lugo constatan o 9 de
agosto de 2006 a existencia na zona dun xacemento
galaico-romano. Con todos estes datos, os
arqueólogos de Patrimonio de Lugo tiñan a obriga
de inventariar e de protexer este ben patrimonial,
o que impediría que o Concello de Cervo concedese as
licenzas para edificar sobre o xacemento da Atalaia.
Pola contra, o Servizo de Patrimonio de Lugo
tardou nada menos que vinte meses en incluílo
no Inventario; concretamente o castro da Atalaia
foi inventariado o 19 de abril de 2007.
Curiosamente, a véspera, o 18 de abril de 2007,
o Concello de Cervo concedéralle a Promociones San
Ciprián a última das licenzas.
A irresponsabilidade
do goberno municipal de Cervo
Por tanto, dado que o concello de Cervo sabía
da existencia do xacemento e, malia todo, non
dubidou en conceder as mencionadas licenzas, o ex-alcalde
José Insua e o seu equipo de goberno son tamén
responsables da destrución no castro da Atalaia
e de que Patrimonio teña que indemnizar agora ao
construtor.
Cómpre non esquecer, ademais, que a sentenza abre a
posibilidade de que o promotor lle reclame ao
Concello outra indemnización por ter concedido
unhas licenzas para edificar nun lugar no que sabían
que existía un xacemento. Esta posible
indemnización suporía que todos os veciños de Cervo
teriamos que pagar polas actuacións irresponsables
de José Insua e mais do seu equipo de goberno.
Por outra banda, ADEGA e Mariña Patrimonio queremos
felicitar a empresa construtora porque, malia ter
destruído 1600m2 de xacemento arqueolóxico,
conseguiu librarse das denuncias e porque, a pesar
de ter na Atalaia un edificio ilegal que non cumpre
as Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, o
seu edificio, de momento, segue en pé para vergoña
de todos os cervenses. Tamén o felicitamos polos
cartos que vai recibir da Xunta de Galicia, xa que
non todos os construtores teñen a posibilidade de
facer caixa dende que estourou a burbulla
inmobiliaria.
Os danos colaterais no Patrimonio colectivo
Porén, cando uns ganan outros perden e,
lamentablemente, as neglixencias e mais o desleixo
do Servizo de Patrimonio de Lugo, xunto coa
actuación irresponsable do concello de Cervo, van
provocar inesperados efectos colaterais, dado que os
cartos que recibirá o construtor sairán do orzamento
que ten Patrimonio para intervir e para protexer
sitios arqueolóxicos en toda Galiza. En
consecuencia, esta sentenza non só afectará á
recuperación de moitos xacementos senón que tamén
prexudicará as empresas de arqueoloxía, que verán
reducida a súa carga de traballo.
Pola demolición do edificio e a creación do Museo
da Atalaia
Por todo isto, ADEGA e Mariña Patrimonio
demandamos que a Dirección Xeral de Patrimonio
actúe depurando as posibles responsabilidades do
Servizo de Patrimonio de Lugo. Tamén lles
solicitamos á Xunta e mailo Concello a demolición
da edificación ilegal xunto coa expropiación dos
terreos que o construtor ten no xacemento e ,
por suposto, demandamos a posta en valor dos
restos arqueolóxicos xa escavados así como a
construción dun museo arqueolóxico na Atalaia.
Ligazóns
Álbum desfeita Castro Atalaia (San Cibrao)
ADEGA e MariñaPatrimonio denuncian ao Conselleiro de
Cultura ante a Fiscalía polo Castro de Atalaia
ADEGA e MariñaPatrimonio conseguen que a Xunta poña
por fin a cuberto o Castro de Atalaia
Exposición fotográfica sobre o Castro de Atalaia
(Cervo) na Deputación de Lugo
ADEGA
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript