NÚMERO 335 - 21/11/2016
CUTUDC / Novidades
Admite o recurso dunha maxistrada á que lle quitaron o complemento de destino do seu novo posto porque non tomou posesión ao estar de baixa por embarazo de risco.
O BOE recolle hoxe unha
sentenza do Tribunal Constitucional (TC) na que
dá a razón a unha maxistrada que presentou recurso
de amparo despois de que lle retirasen o complemento
de destino por non tomar posesión do seu novo posto
mentres estaba de baixa por maternidade. A sentenza
establece que tratar as baixas de maternidade como o
resto de licenzas ou permisos supón unha
discriminación por razón de sexo.
A maxistrada estivo primeiro de baixa por embarazo
de risco e, tras o parto, de baixa por maternidade.
Durante ese tempo, en concreto durante a primeira
fase, adxudicáronselle dous novos destinos e
sumóuselle na nómina o complemento do primeiro de
ambos. Pero, ao pouco tempo, recibiu un aviso polo
que se lle retiraba ese complemento e que se lle ía
a descontar o recibido ata entón. De feito, non
cobrou ese complemento de destino ata que se
reincorporou e tomou posesión.
A resolución baseábase en que o artigo 245 do
Regulamento da Carreira Xudicial establece que o
desempeño oficial no novo destino non empeza a
contar ata que se finalicen licenzas, permisos ou
vacacións. E que, por tanto, a maxistrada non debía
cobrar ese complemento de destino ata que tomase
posesión, efectiva, do novo posto.
Pero o TC considera, na súa sentenza, que esa
decisión supón unha discriminación por razón de sexo
e que non se poden equiparar as baixas por embarazo
de risco e por maternidade, que só afectan as
mulleres, con outro tipo de licenzas ou permisos.
Ademais de lembrar as cláusulas da Lei de Igualdade
entre homes e mulleres, establece que “a normativa
[…] non pode ser interpretada en relación con
aqueles permisos e licenzas outorgados por razón de
maternidade”.
“Con tal decisión, a Administración non atendeu aos
principios do ordenamento xurídico que impoñen aos
poderes públicos promover non só a igualdade formal,
senón tamén a igualdade real e efectiva”, conclúe a
sentenza, que anula as resolucións que lle retiraron
o complemento de destino.
El BOE nuestro de cada día
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript