NÚMERO 335 - 21/11/2016
CUTUDC / Novidades
200 empregos destruídos en tan só uns meses. A liquidación de dúas históricas empresas do téxtil galego, Caramelo e Viriato, supón a perda de dúas firmas fundamentais no pasado máis recente, volve golpear a industria en Galicia e deixa na rúa moreas de persoas. Ademais, volve cebarse co traballo feminino, moi maioritario nun sector no que o éxito dalgunhas compañías contrasta coa agonía de moitas que desaparecen e seguen o ronsel doutras que xa son historia.
Porque as
mulleres son, falando de cifras aproximadas, entre o
80% e o 85% dos cadros de persoal das compañías e,
xa que logo, do conxunto de despedimentos, tal e
como lembra Dores Martínez, secretaria nacional da
FGAMT-CIG, que lembra que o respecto aos
cumprimentos de xornada ou á retribución dos
permisos no caso destas dúas compañías contrasta
cunhas condicións precarias históricas do sector.
"Todo o mundo sabe que o téxtil tivo os seus anos de
ouro ao tempo que as mulleres sufrían de
precariedade e dunha situación laboral pésima, e iso
foi recoñecido polas propias compañías", engade.
Pero os peches seguen chegando. O último episodio
foi o de Viriato, que o pasado luns anunciou que
presentará axiña a solicitude de liquidación ante os
xulgados ao empeorar as súas previsións de
actividade para os vindeiros meses. El Corte Inglés
advertiulle que non lle compraría prendas para a súa
colección primavera-verán do vindeiro ano, supoñendo
como supón o 40% da facturación da compañía de
Ordes. Era algo previsible logo de que a firma non
fose quen de servir todo o pedido para a actual
campaña de outono-inverno ante a súa importante
falta de liquidez.
Liquídase Viriato e quedan na rúa 120 persoas, ás
que hai que unir as 40 que xa perderan o seu
traballo o ano pasado na última reestruturación.
Como en Caramelo, a crise foi vindo aos poucos e
ameazante. No caso da téxtil que controla o grupo
Inveravante de Manuel Jove, a súa liquidación supón
a marcha de 169 empregados, 79 deles en Galicia. E
chega tras non superar os continuos problemas de
viabilidade dos últimos anos, marcados por continuos
despedimentos e reestruturacións, a última delas a
través dun concurso de acredores en 2013 e un ERE de
180 empregados, sumado ao que prescindiu de 237 en
2009. Tamén daquela, as mulleres foron case
exclusivamente as afectadas.
"Non creo que sexa síntoma de que as cousas van ir
peor no sector, pero si dunha xestión pésima e mesmo
interesadamente pésima por parte de propietarios e
accionistas en ambas as dúas empresas", di Dores
Martínez. O caso de Caramelo e Viriato, segundo
analiza, ten que ver "co afán de incrementar a marxe
de beneficios que levou á externalización e
deslocalización da produción malia a perda de
calidade". E todo isto, como lembra, en marcas
dirixidas a un cliente cunha capacidade económica
elevada e a un prezo importante.
"A propia Viriato recoñece que non foi quen de
responder ao pedido de El Corte Inglés. Por que?
Pois porque a deslocalización a Portugal
non deu resultado, mirouse só conseguir man
de obra máis barata e acabouse apañando isto",
explica quen advirte tamén dunha cuestión
coincidente tanto en Caramelo como na empresa de
Ordes agora camiño da liquidación: as importantes
axudas da Xunta recibidas nos últimos anos.
Axudas públicas
Logo do despedimento de 40 traballadoras
mediante un ERE en agosto de 2015, Viriato recibo
unha axuda de 1 millón de euros da Administración
galega. "Malia iso", como lembra Dores Martínez,
"comeza acumular débeda cos traballadores, séguea
acumulando cos talleres auxiliares e dos 40
despedidos hai máis dun ano só sete deles teñen
cobrado a indemnización pactada".
No caso de Caramelo, o Executivo galego tiña o 7,5%
do capital da compañía tras pagar máis de 3 millóns
de euros. Foi despois de achegar un crédito
participativo de 15 millóns de euros que acabou en
nada tras o concurso de 2013. Antes, e co gallo do
polémico ERE en 2009, o daquela conselleiro de
Economía, Javier Guerra, cifrara en máis de 30
millóns as axudas que á irma lle concedera o
bipartito, 27 deles en créditos e avais. En 2010, e
logo das críticas ao goberno de coalición, a Xunta
de Feijóo inxectara 5 millóns máis a través dun
préstamo participativo.
Praza Pública
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript