A intención da
Mesa é pór en evidencia o incumprimento sistemático
das accións favorábeis á lingua acordadas polo
propio Parlamento como o PXNLG ou tratados
internacionais como a Carta Europea de Linguas
minorizadas. Para A Mesa,” reverter o proceso de
desgaleguización provocado pola exclusión do galego
de todos os ámbitos é posíbel se existira vontade”.
Destacáronse seis accións recollidas no Plan que
para A Mesa contan cunha maior urxencia para pór en
práctica. Estas medidas son as seguintes:
- O papel
normalizador da CRTVG. Calquera persoa que
queira facer un seguimento da cultura galega na
canle ten que facelo nun horario marxinal.
Pídese tamén máis programación destinada ao
sector infantil e xuvenil e que se inclúa
debates políticos e sobre a sociedade xa que iso
contribúe a impulsar a lingua máis a cultura
galega.
- Ensino en
galego e oferta de lecer. A Mesa destaca que a
distribución de materias nos reducen aínda máis
a presenza do galego, que será moi minoritaria
neste curso, tal como vén de denunciar o
sindicato CIG-Ensino nun recurso. A respecto da
educación infantil destácase que o galego
practicamente non existe nas cidades.
Precisamente pola inexistencia de material
didáctico específico, A Mesa elaborou
material didáctico en galego como o libro O
Abecedario ou As aves.
En relación ao lecer e o tempo libre, apúntase
que non hai nin xogos para nenos en galego nin
videoxogos e que o cinema tamén fai moita
exclusión do galego. Destácase o caso de Euskadi
xa que chegaron a un acordo con Canal+ para que
as series máis coñecidas, por exemplo, contaran
con subtítulos en euskera.
- O
transporte público. Tamén tivo presenza o tema
do transporte público xa que a situación da
rotulación, as locucións e a toponimia é moi
grave. Pídeselles responsabilidades ás compañías
de transportes e á Administración para que isto
cambie e facerlles cumprir coa lei.
-
Intercambio no espazo de comunicación coa Radio
e Televisión Portuguesa (RTP). Non se avanzou a
este respecto malia estar recollido na Carta
Europea e na Lei Paz Andrade.
- O dereito
ao uso do galego nas Administracións. A Xunta
ten que cumprir coa legalidade e exixir ás
outras administracións, nomeadamente do Estado
que o fagan. Saliántase a falta dunha opción
mínima na xustiza, SERGAS, facenda ou a
seguranza social.
-
Condicionamento de axudas e subvencións á
utilización do galego establecendo a obriga de
que os receptores utilicen o galego nas súas
tarefas.
Todos os partidos da oposición mostraron o seu apoio
á proposta e ratificaron a súa adhesión á
Declaración de Unidade a prol da Lingua Galega
promovida pola Mesa e que incluía tanto o PXNLG como
a Carta Europea ou a Declaración Universal de
Dereitos Lingüísticos.
Os representante dos grupos parlamentares
comprometéronse a facer seguimento dos diferentes
acordos en relación ao galego para garantir a súa
aplicación por parte do goberno galego. Tanto PSdG,
como En Marea e BNG mostraron o seu interese por
facer efectivas todas as medidas contempladas e
manter comunicación estábel coa Mesa.
A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA