Novembro de 2016
 
 

NÚMERO 335 - 21/11/2016

   CUTUDC / Novidades

  CRISE ESTAFA
 

A crise levouse por diante o 8% do poder adquisitivo dos asalariados galegos

Os galegos que tiveron a fortuna de manter o seu soldo durante a recesión en realidade sufriron unha devaluación do seu nivel económico, segundo revela unha nova estadística publicada polo INE.

 

  • Noticias relacionadas

 

Os traballadores galegos perderon máis dun 8% do seu poder adquisitivo durante a crise, segundo se observa no Índice de Prezos do Traballo (IPT) publicado este venres por primeira vez polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
 
Ao igual que o índice de prezos ao consumo (IPC) mide os cambios no prezo dunha "cesta básica" estandarizada de bens de consumo e servizos, nesta nova estatística do IPT tamén se establece unha "cesta básica" estandarizada de postos de traballo cun conxunto de variables como rama de actividade, ocupación e tipo de contrato. De tal forma, este indicador mide a variación do custo salarial que pagan os empregadores polo conxunto de empregos existentes, pero sen estar afectado polos cambios na cantidade e a calidade dos postos de traballo.
 
Así, determínase que o salario por hora se mantivo invariable entre 2008 e 2014 en Galicia -en España houbo un descenso medio do 7%-, uns anos de crise nos que, non obstante, o IPC subiu un 8,3%.
 
Polo tanto, os traballadores galegos perderon máis dun 8% de poder adquisitivo entre 2008 e 2014 debido ás súas retribucións invariables e a suba dos prezos.
 
En Galicia, entre 2009 e 2014 rexistráronse baixadas nos salarios por hora os anos 2011 (-1,7%) e 2013 (-0,9%), mentres que houbo subidas en 2009 (+1,5%), 2010 (+0,3%), 2014 (+0,8%). En 2012 non houbo variación (0%), o que bota que se mantiveron iguais dende o inicio da crise.
 
CATRO COMUNIDADES REBAIXARON OS SOLDOS EN 2014
En 2014 doce comunidades elevaron o salario por hora, entre elas Galicia (+0,8%), catro recortárono e Cataluña conxelouno.
 
Baleares e La Rioja foron as rexións que presentaron os maiores incrementos, do 3,4% en ambos os dous casos, seguido de Cantabria (+3%), Madrid (2,3%), Murcia (+1,9%) e Aragón (1,8%).
 
As catro comunidades que en 2014 pagaron un soldo por hora inferior ao de 2013 foron Extremadura (-4,1%), Castilla e León e Canarias (-1,8% en ambos os dous casos) e Navarra (-1,5%).
 
DATOS ESTATAIS
A estatística reflicte que os prezos do traballo, medidos en salario por hora, estaban en 2014 por debaixo do ano base da estatística, 2008. Isto significa que o nivel salarial actual é inferior ao existente no ano que arrancou a crise.
 
Entre 2009 e 2014 rexistráronse descensos anuais do salario por hora en 2011 (-1,5%), 2012 (-1,6%) e 2013 (-0,3%) e aumentos en 2009 (+1,5%), 2010 (+0,5%) e 2014 (+0,8%).
 
Entre 2008 e 2014 os salarios perderon algo máis dun 8% de poder adquisitivo se se ten en conta que o retroceso medio do salario por hora foi neste período do 0,7% e o IPC, en media anual, creceu nestes mesmos anos un 8,3%.
 
O indicador constata que por primeira vez dende 2010 o salario por hora creceu en 2014. Fíxoo un 0,8%, pero non o suficiente para compensar as caídas rexistradas nos tres anos anteriores.
 
Se se poñen estes datos en relación ao PIB obsérvase que nos anos nos que a economía española creceu tamén subiron os salarios e cando se contraeu, os soldos baixaron, cunha única excepción: 2009. Naquel exercicio, o PIB retrocedeu un 3,6% e o salario por hora avanzou un 1,5%.
 
Os datos do IPT mostran que o salario por hora creceu en 2014 en maior medida na hostalaría e as industrias extractivas, entre os traballadores con contrato temporal e de menor antigüidade, nos centros de traballo de 50 a 199 empregados, nas mulleres, nos menores de 25 anos, e entre os estranxeiros.
 
HOSTALARÍA, A QUE MÁIS SUBIU O SALARIO EN 2014
Segundo esta nova estatística, as actividades económicas que presentaron os maiores incrementos en 2014 respecto a 2013 do salario por hora foron a hostalaría (+6,9%) e as industrias extractivas (+5,8%), mentres que subministro de enerxía eléctrica, vapor e aire acondicionado e educación experimentaron os maiores recortes (-5,3% e -2,%, respectivamente).
 
Por tipo de contrato, o salario por hora dos temporais incrementouse un 4,4% en 2014, fronte ao aumento do 0,3% dos traballadores indefinidos, mentres que por tamaño de empresa, os centros de traballo con entre 50 e 199 empregados pagaron un 1% máis a hora, por enriba dos incrementos do 0,8% e do 0,6% rexistrados nas empresas de 1 a 49 traballadores e de 200 ou máis traballadores, respectivamente.
 
Por sexos, o salario por hora cobrado polas mulleres subiu un 1,4% en 2014, mentres que o dos varóns se incrementou un 0,3%.
 
A estatística tamén mostra que en 2014 os traballadores con menos dun ano de antigüidade na empresa foron os que viron aumentado o seu salario por hora en maior medida, un 12%, seguido dos traballadores con 21 ou máis anos de antigüidade (+1,5%) e cos que levan na empresa dun a tres anos (+0,7%). Pola contra, o salario por hora dos traballadores con entre 4 e 10 anos de antigüidade baixou un 0,5% e o dos que presentan unha antigüidade de 11 a 20 anos retrocedeu un 1,4%.
 
Se se analizan os datos por ocupacións, os técnicos e profesionais científicos e intelectuais, cun avance do 3,1%, e as ocupacións elementais (+1,5%) foron as que rexistraron en 2014 os maiores incrementos do salario por hora. No lado oposto atópanse os empregados contables, administrativos e outros empregados de oficina (-1,8%) e os directores e xerentes (-0,8%).
 
Por idades, o soldo por hora dos menores de 25 anos foi o que máis progresou en 2014, cun aumento do 6,3% respecto a 2013. Ségueno os traballadores de 25 e 34 anos (+1,3%); os de 55 e máis anos (+1,1%); os de entre 35 e 44 anos (+0,7%) e, por último, os empregados de entre 45 e 54 anos, cun lixeiro repunte do 0,1%.
 
Por nacionalidades, o IPT reflicte crecementos do salario por hora do 1,2% nos traballadores de nacionalidade estranxeira e do 0,8% entre os españois.
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript