Así, a comezos de
setembro estimábase que arderan na Galiza unhas
16.000 hectáreas, cifra que supera a superficie
total ardida en 2015 (11.802 ha) e multiplica por 8
a de 2014 (2.003 ha). Lumes como os de Oímbra e
Entrimo (6.000 hectáreas), Arbo (1.583 ha.) ou Porto
do Son (1.600 ha.), puxeron en xaque moitos núcleos
habitados e uns servizos de extinción moi pobres en
recursos, fragmentados, semi-privatizados e
coordinados erraticamente dende a Consellaría de
Medio Rural.
Coma tódolos anos, tamén
houbo diversas manifestacións e protestas sinalando
a inexistencia dunha política de prevención e o
malgasto de recursos unicamente orientados só a
apagar os lumes.
No Fouce 313, quixemos achegar a
opinión de varios expertos e experiencias que
apuntan as causas polas que Galiza arde un ano si e
outro tamén. Para iso, botamos man dunha palestra ao
redor desta cuestión celebrada no centro social
Madia Leva! (Lugo), o pasado 16 de setembro; e da
opinión do enxeñeiro forestal que coordina a
Asociación Frouma, Diego Sánchez Agra, que
publicaremos nunha seguinte entrega. De seguido,
publicamos os textos íntegros que, por motivos de
espazo, non puideron ir completos na edición impresa
do Fouce.
“Hoxe en día temos na Galiza máis
eucaliptos plantados que Australia”
Xosé
Manuel Rodríguez,
brigadista forestal de ampla experiencia que forma
parte de Adega Adega, centrou a súa intervención en
ofrecer datos sobre o ordenamento forestal da
Galiza. Tirando do Inventario Forestal Nacional de
1997-2007 (IFN3), Xosé Manuel explicou que dos 3
millóns de hectáreas que suma o territorio galego, o
69% son forestais -48'2% de arborado, 20% de
matogueira- e o resto agrícola e doutros usos.
Comparando o IFN3 co
correspondente ao período anterior (1987-1997),
descubriu un estancamento das frondosas autóctonas
(400.000 hectáreas) e un aumento descontrolado
dos eucaliptos que, nunha soa década chegaron a
ocupar 725.000 hectáreas, invadindo 188.000 ha
máis. En consecuencia, “hoxe en día temos na
Galiza máis eucaliptos plantados que Australia: 80
millóns de unidades”.
Xosé Manuel Rodríguez defendeu a necesidade de
rematar co negocio do lume, facendo que os servizos
de prevención e extinción sexan públicos na súa
totalidade; e recuperar os usos tradicionais do
monte como o roza de matogueiras, a creación de
pasteiros e o pastoreo.
“O primeiro para acabar cos lumes
é non seguir a política forestal de Ence”
O
relatorio de Borxa Rei, técnico da brigada
aerotransportada, deixou claro que a causa dos lumes
non se reduce unicamente a delitos perpetrados por
incendiarios e pirómanos. Coa teima de cargar as
culpas neles, “a Administración pretende
reducir o problema dos lumes a unha cuestión de orde
pública, delincuencia e saúde mental”.
Máis alá da acción dos incendiarios, explicou Borxa
Rei, “non podemos agachar que as causas do lume
son moitas máis”. Entre elas, a cultura do lume
que se impón diante do absentismo da Xunta: lume
para destruír refugallos, limpar fincas ou crear
pasteiros. E iso sen contar o fogo accidental
provocado por maquinaria agrícola e forestal,
neglixencias, liñas de alta tensión ou lóstregos.
Para Borxa Rei, “sempre vai a haber lumes,
e moitos deles serán de grandes dimensións debido ao
tamaño das plantacións forestais. Así, o problema
principal non é como se producen os lumes e as súas
causas; o problema real é que, hoxe en día, os lumes
acadan dimensións catastróficas e son un problema
medioambiental, social e económico de primeira orde".
“O primeiro paso para acabar cos lumes”
concluíu Borxa, “é non seguir a política forestal
promovida por Ence”. En canto á extinción, hai
demasiadas empresas e grupos de traballo diferentes,
polo que cómpre unificar o servizo de extinción e
ter contratado ao persoal todo o ano ou o meirande
del. “Se queremos un servizo profesional de
prevención e extinción de lumes hai traballo abondo
que facer todo o ano”. (rozas, queimas
preventivas controladas, formación, traballo coa
poboación local, etc.).
“A principal causa dos lumes en
Manzaneda son os conflitos coa Administración”
Tamén
houbo nas xornadas do Madia Leva unha representación
de Batefogo,
un proxeto de intervención social que busca “compaxinar
eficazmente a prevención dos lumes coa dinamización
económica e social do medio rural”.
E para falarnos de Batefogo estivo, a través de
videoconferencia, Miguel Pardellas, asesor e
coordinador de varios proxectos en cuestións de
educación ambiental e participación social.
Ademais de Pardellas, Batefogo está formado por tres
cooperativas: Encomún Proxectos, Feitoría Verde e
MaOs Innovación Social.
Partindo da base de que os incendios son un
problema de índole social que non se pode solucionar
con accións asociais, simplistas ou antisociais,
“con con Batefogo pretendemos levar a cabo un
proxecto de intervención social en toda regra e no
que o principal eido de traballo son as propias
persoas, é dicir, os veciños e veciñas que habitan
un territorio e sofren os incendios e que, en moitas
ocasións, son quen os provocan. Eles teñen a chave
para atopar a solución”.
Esa intervención social da que fala Pardellas ten
dous eixes: habilitar espazos de participación nos
que a veciñanza poida decidir que facer fronte ao
problema do lume; e desenvolver procesos educativos
que axuden a comprender mellor a problemática dos
lumes e a acharlles solucións.
Trátase dun labor enormemente complexo que se tenta
realizar con recursos propios da comunidade “intervida”
e no que, dende Batefogo, se lle dá ás mulleres un
papel moi activo nas decisións sobre ordenación e
xestión do territorio, xa que “detrás do lume,
habitualmente hai unha man e, decotío, é a man dun
home”.
Agora mesmo, o Proxecto Batefogo está en marcha no
concello de Manzaneda (Ourense). “Alí fixemos un
completo estudo sobre os incendios que se produciron
na zona nos últimos 30 anos e contrastamos esta
información cos veciños e veciñas para ver se
estaban de acordo coas conclusións ás que chegamos
sobre as causas dos lumes para, entre todos e todas,
decidir que podiamos facer para reducir o seu número
e impacto”.
A principal causa dos lumes identificada foron os
conflitos coa Administración. Manzaneda é Rede
Natura, o cal é identificado pola veciñanza como un
problema que leva a moitos veciños e veciñas a
prender lume, sexa como vinganza, sexa como medio
rápido para evitar trámites burocráticos. “Este
feito levounos a descubrir unha absoluta ausencia
de diálogo entre a Administración e a veciñanza,
do que se tira a importante necesidade de habilitar
espazos de diálogo entre a xente que vive aquí e o
persoal do distrito forestal ou das consellarías de
Medio Rural e Medio Ambiente. De feito, unha das
primeiras propostas da xente foi é a de crear unha
oficina de mediación entre a Administración e a
veciñanza para reducir os incendios”.
SINDICATO LABREGO GALEGO