Xaneiro de 2017
 
 

NÚMERO 341 - 23/01/2017

   CUTUDC / Novidades

  FACUA
 

FACUA advirte de que a factura da luz de comezos de xaneiro é a segunda máis cara da historia

A factura da luz do usuario medio de comezos de xaneiro é a segunda máis cara da historia, segundo a análise de FACUA-Consumidores en Acción. Así, coas tarifas do primeiros quince días do ano, un usuario medio pagaría 84,57 euros mensuais (impostos incluídos), só por baixo dos 88,66 euros de entre xaneiro e marzo de 2012.

 

  • Noticias relacionadas

 

O pasado decembro, a factura do usuario medio situouse en 80,23 euros, continuando coa tendencia alcista que non parou desde abril. FACUA realiza os seus estudos a partir da tarifa PVPC aplicada en domicilios cuxos contadores aínda non teñen a tarificación por horas. Neles utiliza un perfil de usuario cunha potencia contratada de 4,4 kW e un consumo mensual de 366 kWh mensuais, a media en España segundo unha análise da asociación sobre varias decenas de miles de facturas de vivendas habitadas.
 
En canto ao prezo da enerxía consumida, o kWh está nos seus niveis máis altos desde xullo de 2013, cando se situou en 14,07 céntimos antes de impostos (17,90 xa incluídos). O máximo histórico foron os 16,81 céntimos (20,85 con impostos) de entre xaneiro e marzo de 2012. No primeiros quince días de xaneiro situouse nunha media de 13,96 céntimos (17,75 con impostos).
 
FACUA denuncia a absoluta falta de sensibilidade do Goberno ante a inxustificada carestía do recibo eléctrico e os alarmantes niveis de pobreza enerxética que sofren millóns de consumidores, dos que centos de miles sofren cortes de subministración cada ano pola súa incapacidade de facer fronte ao pago. En 2015 as eléctricas acometeron máis de 650.000 cortes de luz por falta de pagamento, dos que máis de 83.000 foron interrupcións de subministración que duraron máis dun mes.
 
A asociación reclama ao Goberno que poña fin ás prácticas oligopolísticas que provocan as desproporcionadas tarifas que pagan os usuarios en España. FACUA esixe a intervención do sector para que sexa o Executivo o que fixe periodicamente unha tarifa alcanzable, dado que o sistema de fixación de prezos existente no mercado da xeración español fomenta a especulación e os abusos.
 
Trátase, advirte FACUA, dun sector onde nunca existiu a competencia que se prometeu enganosamente aos consumidores cando se iniciou a súa liberalización, polo que a única solución é emprender medidas similares ás adoptadas hai anos na UE coas tarifas móbiles de roaming , de maneira que sexa o Goberno o que fixe os prezos para os consumidores domésticos.
 
Ademais, a asociación demanda a baixada do IVE que se aplica á electricidade, do 21%, impropio dun servizo esencial. Neste sentido, reclama ao Goberno que baixe o IVE da luz ao tipo mínimo permitido pola normativa europea, lexislación que tamén debe ser modificada para facilitar unha baixada maior
 
FACUA
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript