NÚMERO 341 - 23/01/2017
CUTUDC / Novidades
O Sindicato Labrego Galego apoia as mobilizacións que se producirán mañá, 21 de xaneiro, en vilas e cidades de toda a Unión Europea contra o acordo de libre comercio con Canadá (Comprehensive Economic and Trade Agreement-CETA) porque traerá consecuencias nefastas para os nosos sectores agrogandeiros, especialmente o porcino ou o da carne de vacún.
Isto é así porque, no
intercambio de intereses que houbo nas negociacións,
decidiuse que a UE podería exportar a Canadá 16.000
toneladas de queixo sen aranceis a maiores das
13.000 que exportaba até agora, a cambio de permitir
que Canadá faga o mesmo con 65.000 Tn de carne de
vacún e 80.000 de porcino.
CARNE DE VACÚN
Cómpre lembrar que sectores como o da carne de
vacún é dos máis vulnerables da nosa terra, con boa
parte das granxas en zonas desfavorecidas de montaña
onde a gandería é o único medio de vida posible que
permite que a xente siga vivindo aí, sen ter que
emigrar. Ademais, a venda de becerros é un
complemento económico importante para moitas granxas
de leite que complementan os baixos prezos das súas
producións cos xatos.
Estas granxas levan anos aturando uns prezos
excesivamente baixos que non cobren os custes de
produción e se manteñen artificialmente grazas ás
axudas publicas. A entrada de grandes continxentes
de carne de vacún de Canadá libre de impostos creará
fortes distorsións no mercado e afundirá aínda máis
os prezos, polo que miles de explotacións de vacún
de carne veranse obrigadas a abandonar a produción,
agudizando a desertización rural que padecemos.
SEGURIDADE ALIMENTARIA
Outra cuestión conflitiva
é que a normativa canadense é moito máis permisiva
en cuestións como o benestar animal ou a utilización
de químicos prohibidos: lavado e procesado de carne
de polo e tenreira con auga clorada, aclarado carne
de vaca con ácido láctico; ou engorde de gando
bovino, porcos e pavos con ractopamina. O país
norteamericano tamén permite o uso de pesticidas con
neonecotinoides, vinculados á morte de millóns de
abellas, ou de glifosato; e é o cuarto produtor
mundial de transxénicos. Máis alá dos transxénicos
(OXM) para alimentar o gando, en Canadá tamén se
producen OXMs só para consumo humano, como mazás e
salmón.
SECTOR LÁCTEO
En canto ao sector
gandeiro que, teoricamente, se vai ver beneficiado
polo CETA na UE, o lácteo, cómpre advertir que o
goberno canadense realizou varias accións a finais
de 2016 de cara a reforzarse pola inminente
aprobación do CETA. Unha delas foi a de entregar
unha axuda de 350 millóns de dólares canadenses (uns
240 millóns de euros) á súa industria láctea para
facela máis competitiva. En canto ao sector
produtor, creouse un programa de investimentos que,
durante cinco anos, permitirá ás granxas canadenses
modernizar os seus equipos e aumentar a súa
produtividade. Este reforzo para un país no que os
centros de engorde gandeiro poden superar as 20.000
cabezas de gando, 100.000 se falamos de aves, fará
que as nosas granxas dificilmente poidan competir en
pé de igualdade se o produto canadense chega a
Europa libre de impostos.
MINARÍA
Outro dos riscos do
CETA que afectaría á totalidade do noso medio rural
e producións agrogandeiras é a minaría. Canadá é
unha das principais potencias mineiras mundiais,
representando este sector o 4% do seu PIB e xerando
40.000 millóns de dólares ao ano. Isto combinado coa
resolución privada dos conflitos comerciais a través
do sistema de tribunais de inversión (ICS) permitirá
que as mineiras
canadenses poidan denunciar calquera lei ou goberno
que se opoña aos seus proxectos. Un bo exemplo
témolo no ouro de Corcoesto, que pretendía explotar
a mineira canadense Edgewater a ceo aberto
empregando cianuro de xeito masivo. Afortunadamente,
a presión da cidadanía obrigou á Xunta a negarlle o
permiso de explotación. Se isto chega a acontecer co
CETA aprobado, Edgewater podería ter denunciado á
Xunta a través do ICS e, con total seguridade, a
Xunta sairía condenada e obrigada a indemnizar a
Edgewater cunha multa millonaria a conta dos cartos
das galegas e dos galegos. E o problema é que a case
totalidade do territorio galego é apta para
extraccións mineiras, segundo o Plano Sectorial de
Actividades Extractivas da Xunta.
Por todo o devandito, o
Sindicato Labrego Galego oponse rotundamente ao CETA
e apoiará as concentracións do 21 de xaneiro en
Galiza contra un tratado de libre comercio que supón
unha seria ameaza para a nosa soberanía, seguridade
e produción alimentarias.
Sindicato Labrego Galego 20/01/2017
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript