Xaneiro de 2017
 
 

NÚMERO 341 - 23/01/2017

   CUTUDC / Novidades

  SOLIDARIEDADE INTERNACIONAL
 

O Hotel Bauen precisa da nosa solidariedade

O senado arxentino o 30 de novembro de 2016 converteu en lei a expropiación do Hotel Bauen a favor da cooperativa das súas traballadoras e traballadores despois de case 14 anos de loita. Ao entrar en vixencia esta lei consolidábase a autoxestión do persoal traballador e facíase xustiza histórica, pois os vellos propietarios do hotel construírano cun crédito público outorgado pola sanguenta ditadura militar de 1976-83 e que nunca se devolveu.

 

  • Noticias relacionadas

 

Á súa vez, dábaselle prioridade ó fin social e ás actividades culturais e solidarias que a cotío se realizan no hotel xestionado polas traballadoras e traballadores, emblema da autoxestión na Arxentina e no mundo. Pero o presidente Mauricio Macri vetou a lei, con argumentos falaces que negan o sentido social da cooperativa, rexeita recuperar o diñeiro público e deixa sen traballo a 130 familias. Solicitamos ós membros deputados e senadores arxentinos que rexeiten o veto e reafirmen a lei que expropia o Hotel Bauen para reparar esta inxustiza, evitar o desaloxo do hotel e facer valer a democracia.
 
O Hotel Bauen é una das máis emblemáticas empresas recuperadas pola clase traballadora en Arxentina. Cerrado polos seus donos a través dunha manobra fraudulenta que deixou a todo o persoal traballador na rúa a finais de 2001, o enorme edificio de 20 pisos de altura en pleno centro de Bos Aires estivo abandonado por máis dun ano ata que un grupo das súas antigas empregadas e empregados o ocupou o 21 de marzo de 2003. Iniciouse así un proceso de 13 anos de autoxestión que creou 130 postos de traballo e puxo en valor un hotel baleirado e abandonado polos seus patróns, practicamente sen financiamento externo. Ademais converteu un hotel que antes foi símbolo da corrupción do poder nun lugar de reunión e solidariedade para movementos sociais, sindicatos e organizacións de traballadoras e traballadores, onde se realizaron centos de xornadas de organización e debate, incluíndo eventos académicos e culturais.
 
Pero o Bauen non é só emblema de autoxestión. A súa orixe é tamén un exemplo claro da connivencia e corrupción entre o poder económico e a ditadura xenocida que ensanguentou Arxentina entre 1976 e 1983. O Bauen construírase para o mundial de fútbol de 1978 con créditos dun banco do Estado (o BANADE) que nunca foron pagados. Por esa e outras débedas posteriores, a lei que se votou permite a expropiación do hotel para que o Estado recupere a propiedade do edificio e llo ceda á cooperativa de traballadoras e traballadores que o recuperou para o traballo e a sociedade. O veto do presidente Macri impide esa reparación histórica, consagra a impunidade dos cómplices económicos da ditadura e castiga a clase traballadora que investiu esforzo, traballo e recursos na recuperación do hotel.
 
Por iso a CUT asina para solidarizarnos co persoal traballador do Bauen e na defensa da continuidade dunha experiencia de autoxestión que é exemplo para o mundo. Ti tamén podes enviar a túa solidariedade ao solidaritybauencooperative@gmail.com.
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript