NÚMERO 343 - 06/02/2017
CUTUDC / Novidades
Copiamos a entrevista feita por Erik Dobaño a Roberto Rilo, da asociación ciclista Crunia, e Luis García, en representación da asociación galega de prevención do glaucoma, e membro de SOS Sanidade Pública. Na entrevista percíbese a reflexión e o respecto co que os dous, Roberto Rilo e Luis García, enfrontan problemas como mobilidade, tráfico, bicicleta, peóns, saúde. Todo un conxunto de aspectos da vida diaria vistos con amabilidade e con solucións.
ERIK DOBAÑO
/ Gañar espazo aos coches no asfalto e deixar todo o
espazo das beirarrúas para os peóns. Unha
proposición simple e suficiente para Roberto Rilo
(Bos Aires, 1962), presidente da Asociación Ciclista
Crunia e funcionario de profesión, e Luis García
Gómez (A Coruña, 1946), representante da Asociación
Galega para a Prevención do Glaucoma e profesor
xubilado, que demandan unha visión global da
mobilidade na Coruña, abaratar o transporte público
e mellorar as frecuencias dos buses para ir
rebaixando o uso privado do coche. Peóns e ciclistas
danse a man na procura dunhas rúas habitables e
útiles para todos.
–Cal é a vosa experiencia cando vos movedes pola
cidade? Que problemas atopades?
Luis García (L.) –Non podo conducir, pola
miña discapacidade visual, así que móvome no
transporte público e a pé. O primeiro que me
gustaría subliñar é que non debería haber
enfrontamento entre ciclistas e peóns. Os problemas
son sinxelos de resolver, e por iso nos alegra que
haxa desde a outra parte xente coma o de Crunia que
comparten este punto de vista. No caso dos afectados
polo glaucoma, perdemos visión lateral e calquera
despiste pode ser grave. Houbo ingresos
hospitalarios por atropelo nas beirarrúas, por
ciclistas.
Roberto Rilo (R.) –Normalmente móvome en moto
ou en bicicleta, moi pouco en coche. Despois de
moito tempo circulando en bicicleta, noto unha
pequena evolución. Mellorou o respecto aos
ciclistas. Eu son dos que sempre circulo por asfalto
e considero que ese é o espazo que lle corresponde
aos ciclistas. Non as beirarrúas. As normas non o
permiten, parece que é algo que se ignora. Un
ciclista é perigoso para os peóns, especialmente
para a xente maior, os nenos ou persoas con
problemas de visión.
L–Un atropelo dun peón por parte dun ciclista é como
si che caira enriba desde unha altura de case un
metro. Ese é o impacto.
R–No caso dos ciclistas o perigo está nos coches. O
que recomendo é que se comuniquen co resto de
condutores sinalizando cada manobra, utilizando
sistemas de alerta con luces, mesmo hai cascos que
incorporan estes dispositivos. Se tes certa
habilidade, non é perigoso. Pero entendo que o medo
leva a algúns ciclistas a circular polas beirarrúas.
–Que botas de menos como peón na cidade?
L–Pois por exemplo, que non se corrixan determinadas
condutas dalgúns ciclistas que creo que
desprestixian ao colectivo. Tamén boto de menos á
policía de proximidade, e que se desenvolva un plan
de mobilidade, houbo moitos e moi caros. E tamén que
se teña en conta ás asociacións de persoas con
discapacidade no consello municipal de mobilidade,
que inda non se convocou, e se atendan demandas coma
as nosas nas ordenanzas municipais.
–Algo respecto do tráfico?
L–Gustaríame que houbese máis frecuencias nos
autobuses urbanos, ampliáronse percorridos, pero non
as frecuencias. En canto aos coches, estaría ben que
os semáforos lle concederan máis tempo aos peóns e
que se calmara o tráfico no centro.
R–Estou completamente de acordo no asunto do tempo
dos semáforos. Vexo ben que se vaian facendo peonís
máis rúas. O problema na Coruña é o funil nos
accesos. As horas punta son críticas para un
ciclista.
–Como ves a solución dos carrís bici?
L–Creo que do que se trata é de que as bicis
compartan o asfalto cos coches. A cidade está feita.
Nas zonas que se vaian creando, podería ser. Pero o
máis razoable é que todos os vehículos compartamos a
calzada e as beirarrúas sexan dos peóns.
–Gañar espazo aos coches. Pero os peóns pensarán
tamén en gañar espazo ao asfalto?
L–Se o espazo é das beirarrúas é so para os peóns,
chegaría co que hai. Inda que habería que educar aos
peóns para que sexan conscientes de que teñen que
axudar a unha circulación fluída. Logo están eses
outros vehículos, os dos patinadores ou dos skaters…
R–O que se pode facer, e xa se fixo noutras cidades
en Europa e España, é habilitar un carril duns dous
metros entre a beirarrúa e o resto de carrís no que
teñan preferencia as bicicletas. Basta con pintar
liñas e sinais no chan. Melloraría a seguridade de
todos. Os carrís bici que hai teñen utilidade
lúdica, pero non son unha solución para moverse.
L–É certo que non é unha solución de mobilidade,
mais aos peóns dannos certa seguridade porque quedan
ben definidos os espazos de cada un.
–Imos moi rápido ou moi lento cara esas cidades
con transporte limpo, tráfico calmado, con menos
coches?
L–O coche é unha realidade que levará moito tempo
erradicar. Habería que avanzar máis en cambiar
hábitos e mellorar o resto de modos de transporte.
Pero xa se pode ir camiñando e co bus urbano a
calquera parte da Coruña.
R–En calquera cidade media, non so nesta, está
comprobado que leva menos tempo desprazarse en bici
dun punto a outro que facelo en coche. Imos na
dirección de que se use menos o coche. Pero
poderíase ir máis rápido. Por exemplo, poñendo fin
ao aparcamento en dobre fila. Está por todas partes,
e é porque sae gratis. Xa non é unha cuestión de
educación. Ou tamén, abaratando moito máis o
transporte público.
–Fan falta máis zonas peonís?
L–Xa dixen que, si se usa ben, o espazo para os
peóns nesta cidade é suficiente. Si fas máis zonas
peonís, estás indo contra outros usos.
R–Na miña opinión, penso que máis que promover novas
zonas peonís hai que promover máis o uso da
bicicleta. Cantas máis bicicletas, menos coches. No
caso dos peóns, ao mellor bastaría con darlle
preferencia en determinados puntos de interxección,
penso por exemplo nos semáforos de Catro Camiños.
–En canto a iluminación, como afecta á mobilidade
de peóns e ciclistas na Coruña?
L–Hai zonas agresivas, cun impacto excesivo da
iluminación polos dispositivos de publicidade
especialmente. Ocorre no Obelisco. Logo hai rúas moi
mal iluminadas ou nas que de repente non hai luz a
certas horas. Sucede na rúa do Socorro.
R–Cando se toman decisións de como iluminar a cidade
deberíanse facer antes estudos serios. Lembrades
aquelas lámpadas cara o ceo no Paseo Marítimo? Vaia
desperdicio!
–Como son os condutores na Coruña desde o punto
de vista dun ciclista e dun peón?
R–Os condutores son bastante respectuosos. Pero
habería que conciencialos máis nalgúns hábitos.
Mesmamente, como abrir a porta do condutor para saír
do vehículo. Se utilizamos a man dereita ao saír,
teremos máis visibilidade.
L–Concordo, os condutores son bastante respectuosos.
–Como hai que abordar a mobilidade nunha cidade
coma esta?
R–Pois eu hai tempo que empecei a elaborar un
borrador sobre boas prácticas de mobilidade.
Gustaríame que se comprometeran as administracións,
as autoescolas, os taxistas, a compañía de tranvías,
os clubs ciclistas, os colectivos que atenden a
necesidades específicas dos peóns… Con respecto e
gañas de aprender, empezaremos a saber compartir o
espazo.
L–Si, precísase unha visión de conxunto. Coches,
bicis e peóns formamos un triángulo e hai que buscar
unha solución para todos.
–Como responden as autoridades ás vosas demandas?
R–Creo que a anterior concelleira de mobilidade,
Begoña Freire, foi até o de agora a que máis fixo.
Puxéronse zonas a 30, luces ao nivel do asfalto,
mesmo semáforos no que o indicador de cruce é unha
bici, está en Catro Camiños. O actual, Daniel
Grandío, parece ben disposto. Á reunión que tivemos
acudiu en bici, creo que a usa habitualmente.
L–Nos fomos sempre ben recibidos, déronnos moita
información e explicacións. Aprendemos moito. Pero
non apreciamos avances significativos. A ver se
conseguimos que se poña en marcha ese consello
municipal de mobilidade.
Ver en Laduda.net
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript