NÚMERO 343 - 06/02/2017
CUTUDC / Novidades
O grupo de profesionais do Centro Irídia, Novact e Fotomovimiento que se atopan na fronteira do estado español con Marrocos relatan interrogatorios, seguimentos, intimidacións e a interposición de catro multas.
A existencia de
valos e muros fronteirizos non é ningunha novidade
no estado español. As habitantes das cidades
autónomas de Ceuta e Melilla, enclaves españois ao
norte do continente africano, conviven desde hai
anos con aramados, controis férreos nos pasos
fronteirizos, Centros de Estadía Temporal de
Inmigrantes (CETI) e outros mecanismos represivos do
estado destinados a impedir a libre circulación de
persoas e a curtocircuitar o fluxo migratorio
proveniente “maioritariamente” do África
Subsahariana.
Para documentar a situación dos dereitos humanos na
que popularmente se coñece como a Fronteira Sur, un
grupo de profesionais do Centro pola Defensa de
Dereitos Humanos Irídia, Novact e
Fotomovimiento están a realizar unha
estadía de observación na zona, no marco do proxecto
Cara ao restablecemento da legalidade na
Fronteira Sur. Nun comunicado denuncian que nos
catro días que levaron a cabo o traballo de campo en
Melilla e Nador (Marrocos) viron continuamente
obstaculizada a súa tarefa por parte das forzas e
corpos de seguridade do estado español e o reino
alauita.
Os membros do equipo relatan como, o pasado sábado,
ao cruzar o límite entre Nador e Melilla, foron
sometidas a un "interrogatorio intimidatorio" por
parte de policías marroquís, que lles advertiron que
non podían realizar ningún tipo de traballo de
documentación gráfica en territorio marroquí. Dous
días despois, ao volver a atravesar o mesmo punto
fronteirizo, foron novamente retidos na mesma
comisaría durante dúas horas e media. Explican como
os intimidaron e indicáronnos " que non podiamos
falar con persoas marroquís nin tomar gravacións de
voz nin imaxes sen a súa autorización".
A partir daquel momento, a policía de Marrocos
deixounos continuar pero organizou un dispositivo
formado por un coche, unha moto e polo menos catro
axentes que os seguiron en todo momento durante máis
de sete horas. Neste intervalo de tempo, o grupo de
observadoras foi interceptado novamente na estrada e
denuncian que os policías as obrigaron a mostrar as
fotografías que tomaran e borralas baixo a ameaza de
ser detidas.
O periplo das activistas non acaba aquí. Denuncian
que onte mesmo, no paso fronteirizo do barrio chinés
melillense, varios axentes da Garda Civil
denunciaron a catro persoas, dous membros de Irídia
e dous de Fotomovimiento, de acordo
coa Lei de Seguridade Cidadá, coloquialmente chamada
lei mordaza. O motivo que os axentes do corpo
militar español esgrimiron para proceder a
denuncialas, foi "desobediencia aos axentes da
autoridade", categoría que lles podería comportar
sancións económicas que oscilarían entre os 600 e os
30.000 euros.
O grupo atopábase neste lugar para documentar
graficamente o tránsito das coñecidas como
carrexadoras, maioritariamente mulleres que
transportan desde Melilla ata Marrocos artigos para
comercializalos. Segundo a testemuña presencial dos
feitos e unha das catro persoas multadas, o avogado
de Irídia Andres Garcia Berrio, o vídeo que acompaña
esta noticia "exemplifica e xustifica que é o que
estabamos a gravar onte e porque a Garda Civil
actuou contra nós".
"A situación na Fronteira Sur é de absoluta
emerxencia, non se está cumprindo a legalidade
actual e a interpretación que se fai da lei está a
comportar múltiples vulneracións de dereitos a ambos
os dous lados do valo", afirma Garcia Berrio. O
letrado explica á Directa que están a recoller
experiencias "moi duras", a pesar de que a súa
presenza disuade aos corpos policiais nalgunhas
situacións: "Dixéronnos que onte era un día máis
tranquilo porque estabamos nós gravando". O grupo de
observadoras puido comprobar as condicións dos pasos
fronteirizos e afirma que a súa estrutura
arquitectónica "xera situacións de embude e espazos
de impunidade onde o abuso e o mal trato son
cotiáns".
O equipo formado por membros das tres organizacións
pecha o seu comunicado afirmando "a represión que
estamos a sufrir é tan só un exemplo da situación de
excepción que existe na Fronteira Sur. Unha
situación que xera fortes vulneracións de dereitos
humanos ás persoas migrantes e transfronteirizas". A
tarefa deste grupo de observadoras continúa a esta
hora na zona de Tánxer e os próximos días
desprazaranse en Ceuta, onde o sábado unha gran
marcha conmemorará o terceiro aniversario das mortes
do Tarajal, que como outros moitos episodios de
vulneracións de dereitos humanos na Fronteira Sur,
aínda restan impunes.
Directa
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript