Febreiro de 2017
 
 

NÚMERO 343 - 06/02/2017

   CUTUDC / Novidades

  FMI
 

Novo paquetazo neoliberal á vista no estado español

O Fondo Monetario Internacional require ao Executivo español para aplicar máis axustes. Aumentar o IVE e o contrato único están entre as medidas que buscan, xunto a unha "revisión" do gasto en Sanidade e Educación (...).

 

  • Noticias relacionadas

 

O Fondo Monetario Internacional (FMI)  reclamou de novo esta semana ao Executivo do Estado español novos axustes para conseguir unha redución do déficit fiscal e “adelgazar” a débeda pública.
 
“Impresionante recuperación económica”, así empezaba unha nova comparecencia do FMI para tratar a actual situación económica do Estado español. Estas loas ao Goberno de Mariano Rajoy e as súas políticas austericidas durante os anos máis duros da crise veñen sendo habituais. Todo para despois pegar un tirón de orellas ao Executivo e esixir que aplique novas medidas e axustes.
 
O FMI considera que as previsións de crecemento no Estado español van ir a un ritmo do 2,3% en 2017 e advirten que as previsións para os próximos anos inclínanse “ á baixa”, empezando polo 2,1% para o próximo ano. Este descenso no crecemento da economía española deberíase respectivamente ao débil desenvolvemento das economías desenvolvidas, a desaceleración dos mercados emerxentes e os fenómenos como o Brexit e o proteccionismo en auxe que anuncia Trump no seu discurso.
 
Para reverter a situación da economía española, as medidas que o Fondo require pasan por aumentar a recadación do IVE, igualándoo á media da Unión Europea. Sinalan que a subida gradual dos tipos inferiores deste imposto serviría para elevar os ingresos nuns 20.000 millóns de euros, é dicir un 2% de PIB. Unhas medidas que van en consonancia ao que xa expresaban no último informe do pasado mes de decembro.
 
Ademais, o Fondo Monetario insta a que se revise o gasto en sanidade e educación e consideran que a introdución de copagos para os servizos públicos, con excepcións “para os máis vulnerables”, contribuiría á redución dos custos fiscais. Con todo, non hai que esquecer que tanto Sanidade como Educación foron dous dos sectores que máis notaron o impacto dos brutais recortes durante o bienio 2012-13. Xa no informe antes sinalado, asegurábase desde a institución que “en sanidade existe unha presión á alza sobre o gasto e precisamente por esta presión é importante que no futuro se atopen formas de economizar para asegurarse a sustentabilidade deste apartado".
 
Noutra orde, o FMI “recomenda” a simplificación dos tipos de contrato a disposición da patronal, propoñendo a introdución dun contrato único de duración indefinida e cuxa indemnización se incremente de forma graduada ao longo do tempo. Para contrarrestar os efectos deste contrato único, o Fondo prevé que se podería desprazar os dereitos de indemnización por despedimento dun emprego a outro.
 
Por último, desde a institución que dirixe Christine Lagarde, indican que é necesario reducir as trabas administrativas e simplificar as causas de anulación dos despedimentos, beneficiando así a contratación indefinida para os empresarios.
 
O aumento do IVE, a revisión do gasto en Sanidade e Educación e a implantación dun contrato único, son medidas, entre outras, que sen dúbida o Goberno terá en conta á hora de aplicar o axuste estrutural do 0,5% do PIB, é dicir, un axuste de 5.500 millóns de euros para cada un dos dous próximos exercicios. Medidas que por outra banda servirán para empobrecer aos sectores populares e minguar os dereitos da clase traballadora.
 
Canarias Semanal

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript