NÚMERO 343 - 06/02/2017
CUTUDC / Novidades
Os colectivos LGTBI galegos presentaron este venres no Parlamento a súa proposta de Lei de Identidade de Xénero, que recibiu o apoio de En Marea e BNG. O borrador parte das "10 propostas básicas" que foran impulsadas o pasado ano por Transforma Unión Trans, Arelas (Asociación de Familias de Menores Trans) e Ultreia, obtendo unicamente o compromiso BNG, En Marea, CxG e Ciudadanos, sendo rexeitadas frontalmente polo PP.
"Dende hai anos o colectivo trans
galego está tratando de reivindicar, visibilizar e
sensibilizar os poderes públicos e á cidadanía en
xeral sobre as situacións de exclusión social e
discriminacións ás que deben facer fronte moitas
persoas na Galicia por mor da súa identidade de
xénero", destacan. "Coa
Lei Galega de Identidade de Xénero buscamos acadar
unha lexislación básica e fundamental que toda
persoa ten dereito a ter, o primeiro e o máis
importante, o dereito a ser", din. Desde os
colectivos fixeron un chamamento aos distintos
grupos da oposición para amosen “altura de miras“ e
apoiar a tramitación desta Lei imprescindible para
acabar coas situacións de desigualdade e de
discriminación.
Navarra, País Vasco, Andalucía, Estremadura,
Canarias e Madrid contan con leis de Identidade de
Xénero, normas aprobadas nos últimos anos buscando a
plena integración social das persoas transexuais,
con especial atención aos e ás menores. O obxectivo
é que a norma galega, que inicia agora o seu camiño
parlamentario, permita "acadar un completo
recoñecemento da identidade de xénero en todos,
engadindo tamén unha carteira de servizos e
políticas públicas a favor da inclusión das persoas
trans na sociedade".
Denuncian igualmente que estas persoas son decote
"excluídas do ámbito laboral, obrigadas a ter que
mostrar cada día unha documentación que non as
identifica, e a sufrir todo tipo de violencias
transfóbicas polo simple feito de non identificarse
co sexo asignado ao nacer". Por iso, unha das
primeiras discriminacións pasa polas trabas e
dificultades para obter un documento nacional de
identidade que realmente os identifique. Entre
os requisitos que lles esixen está a obriga de levar
polo menos dous anos de tratamento hormonal e, a
maiores, súmase toda a burocracia e esperar a que
aproben ou non a documentación para poder obter un
novo carné. Por este motivo solicitan un DNI
transitorio que poda identificalos sen ter que dar
explicacións continuamente a xente que non coñecen
de nada e as que non teñen porque dar explicacións
das súas vidas como eles mesmos reclaman.
As listas de agarda para se operar son outra das
problemáticas destacadas polos colectivos que chegan
incluso aos dez anos e con traslados por exemplo a
Málaga. O que se pide neste borrador de Lei é que
todos os servizos médicos estean garantidos como
para o resto de persoas. Outro dos aspectos
importantes recollidos fai referencia ao ámbito
escolar no que consideran necesario recoller dentro
dos curriculum educativos a diversidade e a
comprensión algo que aseguran non se está a dar.
praza.gal
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript