NÚMERO 343 - 06/02/2017
CUTUDC / Novidades
As palabras seducen. Teñen a capacidade de modificar a percepción que temos da realidade e tamén de construíla. Afondamos no sexismo que agochan nunha ampla reportaxe que publicamos no Sermos Galiza 231, á venda xa nos quiosques e na loxa. Deixamos aquí un extracto.
Na Galiza
somos máis mulleres que homes. Segundo os últimos
dados do IGE, están censadas no país 2.732.347
persoas, 1.415.293 mulleres e 1.317.054 homes.
Porén, somos invisibilizadas acotío, cada vez que
non se nos nomea. Basta con prestarmos atención a
calquera conversa do noso arredor para nos decatar
de que a linguaxe conta con múltiplas estruturas que
perpetúan os estereotipos machistas e que
discriminan e denigran as mulleres. Expresións como
“os nenos non choran”, “teño que ir ao médico”,
“chama a súa secretaria”… son tan habituais como
machistas.
A linguaxe reflicte e constrúe o mundo. Así o
advirte a profesora da Universidade de Vigo Ana
Bringas, unha das autoras do Manual de Linguaxe
inclusiva no ámbito universitario, editado pola
Uvigo e que tamén asinan Olga Castro, María Jesús
Fariña, Belén Martín e Beatriz Suárez. En
declaracións a Sermos Galiza, a filóloga pon
de manifesto que a linguaxe sexista dá conta da
“realidade que vivimos, unha sociedade desigual, con
mulleres invisibilizadas e mesmo desprazadas en
moitos ámbitos”. Esta desigualdade, explica, faise
máis evidente no caso das linguas romances, que
contan con flexión de xénero.
Ana Bringas sinala que o uso da linguaxe sexista
“perpetúa un estado de cousas no que as mulleres non
contan para nada” e defende que a linguaxe inclusiva
“contribúe a construír realidades e imaxinarios nos
que hai igualdade”. “Mentres sigamos usando a
linguaxe sexista, seguiremos excluíndo as mulleres,
porque o que non se nomea, non existe”, engade.
[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza
231, xa á venda nos quiosques e
na loxa online]
Sermos Galiza
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript