Febreiro de 2017
 
 

NÚMERO 343 - 06/02/2017

   CUTUDC / Novidades

  O MACHISMO ASASINA
 

Concentracións contra os asasinatos machistas

O martes 31 de xaneiro convocadas polo movemento feminista galego realizáronse concentracións, nas principais cidades e vilas do noso país, en sinal de protesta ante o novo asasinato machista, desta volta unha muller de 55 anos no Carballiño.

 

  • Noticias relacionadas

 

MANIFESTO lido nas concentración convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres
 
No día de onte José Alén, de 59 anos, asasinaba a Virginia F.V., de 55 anos no Carballiño. Virginia é a primeira vítima do ano 2017 en Galiza. Mais nós non imos poñer o contador a cero. Facelo sería deixar no esquecemento os feminicidios de Ana María Enjamio, de 25 anos, en Vigo, ou o de Elena Mihaela Marcus, de 30, en Compostela, asasinadas o 17 e o 18 de decembro do pasado ano. O de Ana Gómez Nieto, asasinada dun tiro nas costas en Becerreá o 11 de febreiro, o de Tatiana Vázquez, de 24 anos, o 9 de abril, asasinada de 50 coiteladas en Lugo. O de Isabel Fuentes, Beatriz Rodríguez, Divina Mendes, Silvina de Oliveira, Concepción Reguera, María José Rodríguez, Marina B, Cándida Pérez, ou das meniñas Amaia e Candela Oubel, asasinadas no 2015.
 
Estes asasinatos non poden ser considerados como un máís dunha longa lista de feminicidios. Deberán ser os derradeiros. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Case setecentas no estado español. Un feminicidio invisibilizado e mesmo recentemente negado nos medios de comunicación.

Agora que comeza a percibirse un rexeitamento social á violencia machista, cando a cidadanía comeza a percibir a magnitude dos feminicidios, non pode ser casual que desde varios estamentos da sociedade se pretenda poñer unha cortiña de fume e reducir os feminicidios á espiral da violencia, a un sentimento innato coincidente no ser humano, desposuíndoo de xénero. Pretendendo amosar que se trata de seres violentos, para invisibilizar a compoñente machista dos feminicidios. No caso que nos ocupa, enmascarándoo cun problema psiquiátrico do agresor. Para que nin sequera compute como tal nas cifras oficiais da violencia machista.
 
Mais a realidade é teimuda. Hoxe os presos por violencia machista son o terceiro maior grupo nos cárceres do estado español: Actualmente hai case vinte mil reclusos por esta causa, fronte a case once mil condenados por homicidios.
 
Pese a estas demoledoras cifras, non hai comparecencias pola vía da urxencia dos presidentes do goberno da Xunta de Galiza, nin do estado español, tan só ocupan minutos de silencio institucional.
 
Non podemos permitir que se siga a insistir en que sexan as mulleres as que denuncien. En que sexan elas as que tomen medidas de proteción, no canto de dirixir ás campañas aos maltratadores, aos violadores, aos asasinos. Queremos poder ser libres coma os homes. Libres para poder circular de noite, libres para poder andar soas polas rúas, libres para poder separarnos das nosas parellas sen medo a que nos maten.
 
Estamos fartas da violencia, mais tamén da resposta das institucións ás agresións. Este é un síntoma que nos indica que non vivimos nunha democracia. Mentres este sistema patriarcal non se erradique, este sistema que se perpetúa baixo a premisa de que non somos donas de nós, que somos propiedade dos homes, nin haberá democracia nin pode haber igualdade real.
 
Estamos unha vez máis eiquí porque queremos mudar unha situación insostíbel para as mulleres e porque forma parte da nosa responsabilidade. Queremos visibilizar o noso rexeitamento, que toda a sociedade entenda que é a nosa vida a que está en perigo. Quen non imos ficar caladas. Non imos gardar minutos de silencio polas vítimas. Imos saír á rúa ao día seguinte de saír publicado na prensa escrita un asasinato por mor da violencia machista. Farémolo todos os días que fagan falta esixindo xustiza, loitando pola igualdade e polo respecto, contra os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia sexista.
 
QUERÉMONOS VIVAS, SEGUIREMOS EN MARCHA ATÉ QUE TODAS SEXAMOS LIBRES!
 
CONSIGNAS:
NON MORREMOS, SOMOS ASASINADAS!
NON ESTAMOS TODAS, FALTAN AS ASASINADAS!
MACHISTA: ESCOITA! ESTAMOS EN LOITA!
ANTE A VIOLENCIA NINGÚN PASO ATRÁS!
SE TOCAN A UNHA, TÓCANNOS A TODAS!
PATRIARCADO E CAPITAL, ALIANZA CRIMINAL!
MENOS DISCURSOS E MÁIS RECURSOS!
O MACHISMO É TERRORISMO!
ESTAMOS A FALAR/ DE FEMINICIDIOS!
O MACHISMO MATA, OS MEDIOS REMATAN!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript