Febreiro de 2017
 
 

NÚMERO 343 - 06/02/2017

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Jesús Cintora
 

O enchufe

Agora que tanto se fala da electricidade, dos enchufes, dos ladróns e de curtocircuítos varios, acéndeselle a un a lámpada para falar de Arsenio Fernández de Mesa, o novo "conselleiro independente" de Rede Eléctrica de España. Naquel momento, distinguido cun soldo que non baixará dos 150.000 euros e cuns coñecementos da materia que arroxan luz sobre a "sorte" que teñen algúns.

 

  • Noticias relacionadas

 

Contan os que coñecían a "Cuco" polas súas mozas andanzas en Ferrol que era basicamente un facha. Que non só facía levantamento de brazo frecuentemente, senón que tamén corría detrás dos “rojos” para darlles escarmentos. Na zona eran temidos os "cadneros", que gozaban da impunidade dos gardas civís e que se crían os vixiantes da praia "modo fascista on".
 
Arsenio, tamén coñecido como "O estirao", labrouse un currículo como auxiliar de xardinería e con algúns cursos, que agora vende con títulos rimbombantes, agrandou verdadeiramente a súa lenda facéndose concelleiro, despois deputado durante 23 anos, delegado do Goberno, director da Garda Civil… Imos, que o mesmo che poda unha roseira que aparece nun cadro cargado de medallas.
 
É amigo de Mariano. E iso si que conta para nota. Os dous son lembrados en Galicia cando, co Prestige derramando combustible sen parar, un dixo que eran "hilitos de plastilina" e o outro prognosticou que "o destino do fuel no fondo do mar" era "converterse en lastra". Como para chamar a Arsenio se quedamos sen luz.
 
"O estirao" móvese mellor coa nosa carteira. Na Garda Civil pagabámoslle uns 120.000 euros e agora terá unha subida de polo menos un 25% de soldo. É unha porcentaxe similar ao encarecemento da luz en xaneiro. Din os de Rede Eléctrica que se debe a que Arsenio é "idóneo" para o cargo. Un pregúntase onde aprenden tan rápido todos os que van da política ás enerxéticas e se lles estamos pagando semellante carreira.
 
Explíquenlle vostedes a un deses españois que non ten nin para pagar o recibo como o bo de Arsenio pasou de xardineiro a conselleiro de Rede Eléctrica. Fágano sobre esa imaxe na que pousa repeinado, repleto de medallas e con guante branco. Teso como o bastón de mando que lle deron. E con bandeiras de España. Moitas bandeiras de España: ao fondo do despacho, nas condecoracións da pecheira ou na banda que loce sobre o frac.
 
Imaxinemos que houbese moitos Arsenio Fernández de Mesa. Que tanto que locen a bandeira, fóra esta a marca España. O exemplo para seguir polos nosos fillos. A suor da nosa fronte. A ver quen ía pagarnos a nós a luz e a eles as medallas. Entón, quizais habería que falar de electricidade, de enchufes e de ladróns doutra maneira.
 
Zona Crítica

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript