NÚMERO 343 - 06/02/2017
CUTUDC / Novidades
Levamos tempo berrando que estamos fartas da miseria das políticas sociais da Xunta de Galicia, que cada vez pon máis atrancos ás solicitantes e perceptoras da RISGA. Un exemplo do seu desinterese é que seguimos sen decreto que desenvolva a lei actual pasados máis de tres anos.
Se a RISGA constitúe en
si mesma, unha esmola insuficiente e ineficaz, a
administración autonómica, afianza anos tras ano,
reforma tras reforma ese papel, engadindo requisitos
de acceso e circunstancias excluíntes, que fan que
cada vez máis persoas véxanse privadas do dereito a
percibir ou manter dita renda.
A necesidade de ficar sen ningún ingreso para poder
solicitala, a concesión dunha soa RISGA por unidade
familiar, e non por persoa, a exclusión das persoas
migrantes sen papeis, o exhaustivo control para
renovar o dereito, etc… son todos eles, requisitos
establecidos nas sucesivas leis que amosan a
incapacidade do goberno autonómico para se enfrontar
de raíz ao problema da precariedade que moitas
estamos a sufrir.
Porén, perante á sua forza institucional e
burocracia avasaladora a loita e a denuncia veñen,
desta vez, a dar un moi bo resultado.
Lucía, unha compañeira que, coma moitas outras, veu
ameazado o seu dereito a renovar a RISGA polo mero
feito de compartir piso con outra persoa, foi quen
de recorrer e pelexar dita decisión nos xulgados.
Logo de esgotar a vía administrativa, decidiu
solicitar avogado de oficio para procurar na xustiza
os dereitos que a Xunta lle negaba en forma de
denegación da RISGA.
Logo do xuízo recibe, a finais de novembro, a
sentenza que deixa sen efecto a supresión da
RISGA. O Xulgado do Contencioso Administrativo nº1
de Vigo, na
sentenza nº 389 de 23/11/2016 dalle a razón
a Lucía e conclúe que a prohibición de que nun mesmo
domicilio físico se perciba só una RISGA é contrario
a dereito e que só se pode defender e aplicar dita
medida cando os membros dese domicilio manteñan
entre si un vínculo ou relación familiar.
Deste xeito o Xuíz sinala literalmente
que para que se poida excluír a percepción de máis
dunha RISGA por vivenda “NON BASTA CON CONVIVIR, É
PRECISO QUE CONCORRA ESA ESPECÍFICA RELACIÓN
PERSOAL. A DEMANDANTE CONVIVÍA CON OUTRA PERSOA
PERCEPTORA DA RISGA E ESA COMPAÑÍA HABITACIONAL ERA
PERFECTAMENTE COMPATIBLE COA NORMA REGULADORA. SERÍA
INVEROSÍMIL QUE DÚAS PERSOAS QUE PERCIBEN SENDAS
PRESTACIÓNS PARA ELUDIR A SUA EXCLUSIÓN SOCIAL,
TIVERAN QUE EXCLUÍRSE MUTUAMENTE PARA NON INCORRER
EN ESAXERADA INCLUSIÓN”.
O fallo desta resolución xudicial é de
suma importancia para todas aquelas persoas que, no
país, vense obrigadas a mudarse de domicilio para
non xuntar dúas ou máis RISGAS nunha mesma vivenda,
aínda que só compartan piso, ou non teñan máis
relación ca da simple amizade.
Por unha vez, un xuíz sae da lóxica
perversa dos políticos e técnicos de Benestar Social
e dálle a razón á cidadanía.
Dende a ODS anímavos a recorrer e
denunciar situacións similares que veñen repetíndose
decote nas diferentes cidades da Galiza.
Perante a inxustiza, organízate e
denuncia! Perante a miseria, loita!
Febreiro 2017
ODS-Coia
sentencia_risga_convivencia.pdf
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript