Febreiro de 2017
 
 

NÚMERO 346 - 27/02/2017

   CUTUDC / Novidades

  UNIR LOITAS
 

9 de marzo folga no ensino. FOLGA XERAL XA!

O Congreso dos Deputados iniciou o procedemento de derrogación da LOMCE a finais do ano 2016. A “oposición”, sempre presta ao pacto encargouse de propalar a expectativa dun gran pacto pola educación, non contaban, ou si, conque o PP, que a socialdemocracia se encargou de facer que gobernase tiña a baralla na man, primeiro encargouse de descafeinar o famoso pacto pola educación converténdoo nun documento sobre a estratexia 2020, que talvez sirva para unha nova lei, ou non e, paralelamente, acordou acudir ao Tribunal Constitucional para tentar anular o acordo do Congreso polo que se impulsa a paralización da LOMCE.

 

  • Noticias relacionadas

 

A falta de que os fíos parlamentares tezan o acordo e/ou para apoiar precisamente o gran pacto, todos os sindicatos veñen de convocar folga xeral en todos os niveis educativos o vindeiro día 9 de marzo. Mentres que isto sucede os medios de comunicación advirten que miles de prazas da Oferta de Emprego Público non se poderán convocar mentres que non se aproben os orzamentos. Orzamentos nos que o PP pretende reflectir os novos recortes que reclaman Bruxelas e o FMI, dando un tallo máis precisamente aos servizos públicos, ao ensino tamén  (encárganse, eses medios, de sinalar que son prazas de persoal docente as que están en dúbida, sen advertir que nese mesmo saco estarán as de sanidade...). Non lle faltan armas de presión ao goberno neoliberal.
 
A folga sectorial recolle todas as reivindicacións que desde o ensino público se veñen plasmando nas mareas pola educación pública, nas folgas de estudantes e nas esixencias presentadas desde as respectivas comunidades educativas. Na universidade, entre outras, ademais da derrogación da LOMCE, esíxense uns orzamentos que aseguren a pervivencia da  universidade pública, reversión dos recortes, eliminación das contrarreformas universitarias, recuperación dos cadros de persoal...
 
Estando totalmente de acordo coas reivindicacións que se establecen na convocatoria pensamos que, a mobilización, ten que transcender o sectorial para darlle un carácter global. Pensamos que non haberá solucións para a educación se non as hai para a sanidade e o resto da administración pública que sufriu tamén os recortes, se non se derrogan as reformas laborais... Pensamos, polo tanto, que é preciso cambiar as perspectivas das mobilizacións aglutinando loitas no canto de atomizalas. Se o inimigo é o mesmo a resposta ten que ser conxunta, esta circunstancia evidencia a urxencia dunha convocatoria dunha folga xeral que xa se está facendo agardar. Non queremos unha folga xeral para ó día seguinte vendela cunha negociación co goberno. Fai falta unha folga xeral prolongada no tempo para rematar precisamente co sistema que nos afoga.
 
Participaremos activamente na folga convocada requirindo unha reflexión sobre as causas que a fan necesaria e as medidas reais que poden darlle solución.
 
FOLGA XERAL XA!!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript