Febreiro de 2017
 
 

NÚMERO 346 - 27/02/2017

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Quen máis incitan ao odio, enaltecen o terrorismo e humillan ás vítimas

Desde hai algún tempo teño a sospeita de que se están cometendo delitos de incitación ao odio, enaltecemento do terrorismo e humillación ás vítimas, pero non sei onde denuncialos. Creo que son flagrantes e encaixan ao pé da letra coa definición que o Código penal fai deses delitos, pero non sei a que xulgado acudir. A ver se hai algún avogado na sala que me poida axudar.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

 

Se fosen chistes, monicreques, cancións ou tuits sería facilísimo: non tería nin que denunciar, pois fiscais e policías non necesitan que ninguén llo pida para descargar todo o peso da lei sobre tuiteiros, chistosos, rapeiros, titiriteiros ou concelleiras. Eu xa perdín a conta dos detidos, denunciados, xulgados e condenados, sempre polos mesmos delitos: odio, enaltecemento, humillación. O último, esta mesma semana, un rapaz mallorquino ao que un puñado de versos antimonárquicos custaranlle tres anos e medio de cárcere.
 
Pero non, non falo de rapeiros nin tuiteiros: quen con máis insistencia incitan ao odio, enaltecen o terrorismo e humillan ás vítimas son algúns fiscais, xuíces e responsables policiais, coa axuda do Goberno e dun código penal que permite eses disparates. A sentenza do Supremo que condenou a César Strawberry dicía que as súas mensaxes "alimentan o discurso do odio, lexitiman o terrorismo e obrigan á vítima ao recordo da lacerante vivencia…". Pero se é exactamente o mesmo que fai a maquinaria policial-xudicial coas súas accións desproporcionadas! Déixenme que o explique.
 
Incitar ao odio, segundo o 510 do Código penal, é "fomentar, promover ou incitar directa ou indirectamente ao odio, hostilidade, discriminación ou violencia...". E que fan todas esas actuacións xudiciais desproporcionadas senón estender odio? Cada vez que alguén é detido por un chiste sobre Carrero Blanco, unha acción pacífica antitaurina ou un tema de rap, o odio corre cal regueiro de pólvora. Eu énchome de odio, non saben como. Basta unha ollada ás redes sociais e comentarios de noticias para comprobar como crece o número de odiadores tras cada actuación policial ou xudicial.
 
En canto ao enaltecemento do terrorismo, máis do mesmo: se de ETA falamos (e cando se trata de tuiteiros, rapeiros ou chistosos, sempre é ETA), non hai maior enaltecemento hoxe que toda esa colección de actuacións policiais e xudiciais que mantén artificialmente viva á banda cinco anos despois de retirarse. Se alguén espertase hoxe dun coma tras cinco anos, pensaría que ETA é máis poderosa e ten máis seguidores que nunca: hoxe detense a moita máis xente por enaltecemento do terrorismo que cando ETA actuaba. De tolos.
 
Fáltanos a terceira peza do kit represivo, a humillación das vítimas. Non podo falar por elas, pero se eu fose vítima non sei se me gustaría toda esa sobreactuación xudicial e policial que consegue que un chiste ofensivo multiplique a súa audiencia: deixa de ser cousa duns poucos seguidores, para ser repetido en todos os telexornais, xornais e redes. Por suposto que hai que protexer ás vítimas, pero para iso hai outras vías (na orde civil) se se senten ofendidas, que ademais son máis eficaces.
 
A pesar da súa reiteración delituosa, e o dano que fan á liberdade de expresión, non veremos ningún policía, fiscal, xuíz ou gobernante saír esposado da súa casa, entrar en prisión provisional, sentar no banco ou ser condenado, como si vimos a tuiteiros, chistosos, rapeiros, titiriteiros, concelleiros, e calquera día a ti mesmo, ou a min por publicar este artigo. Todo é posible.
 
Zona Crítica

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript