NÚMERO 346 - 27/02/2017
CUTUDC / Novidades
Hoxe 20 de febreiro, tivo lugar unha Rolda de Prensa na casa do Concello de Ferrol, para explicar a nosa posición diante dos últimos acontecementos e facer chegar a valoración da Plataforma sobre a Taxa e o Saneamento, os argumentos e as inconsistencias do Informe de Emafesa, base para o cáculo da Taxa.
Despois da
rolda de Prensa, o Alcalde chamou á Plataforma para
manter unha xuntanza que despois dun breve contacto
de minutos quedou nunha xuntanza a celebrar esta
tarde na Casa do Concello, ás 19:30hs. Da cal
informaremos.
COMUNICADO DE PRENSA
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS POLA
REMUNICIPALIZACIÓN
A DEPURACIÓN NON É CUESTIÓN DE TAXAS
Tras a lectura do noso comunicado no pleno do pasado
luns 13 de febreiro, sobre a situación actual do
saneamento da marxe dereita da ría e despois de ter
asistido ao debate e posterior votación, onde a nova
taxa de depuración non foi aprobada, queremos
informar á cidadanía de Ferrol dos contidos,
reflexións e accións desta Plataforma en relación á
taxa e ao saneamento:
Esta Plataforma está de xeito continuado esixindo
que canto antes comence a funcionar o sistema de
saneamento e depuración das aguas residuais das
poboacións da marxe norte da ría de Ferrol. O
sistema de saneamento debe e pode
comezar a funcionar independentemente do
valor da taxa. O próximo pleno anunciado para o
mércores 22, pode que se reproduza a situación do
pasado luns 13, cun apoio condicionado de
Ciudadanos. Mais pode que o Partido Popular se
absteña (un xeito de ocultar unha parte da súa
grande responsabilidade na falta de depuración e o
engano á veciñanza) por iso, a Plataforma queríamos
ter, antes do próximo pleno, unha reunión co goberno
municipal e grupos políticos que noutro momento
compartillaban con nós, unha oposición a esta Taxa e
á imposición deste Saneamento, para expoñer cal é a
nosa valoración alternativa ao Informe presentado
por Emafesa con data de novembro de 2016, sobre as
inconsistencias en materia de tarifa eléctrica,
consumo eléctrico, caudais... así como se nos
responda ás oito preguntas realizadas ao Alcalde, o
pasado venres 17 deste mes de febreiro.
Esta Plataforma ten denunciado publicamente a
irregular adxudicación a Emafesa do contrato
temporal para pór en marcha a depuradora EDAR de
cabo Prioriño, pois entendemos que é Augas de
Galicia a responsábel da posta a punto tal como
manifestou o presidente da entidade D. Francisco
Menéndez Iglesias, en xullo de 2011. Tampouco
estamos de acordo que sexa Emafesa a encargada de
solucionar os problemas deste período de probas e
facer as reparacións que correspondan e menos pasar
os custes relacionados con estes traballos aos
Concellos e usuarios. Queremos recordar á poboación
que o socio maioritario de Emafesa é o Concello de
Ferrol aínda que sorprendentemente se lle teña
concedido por estatutos á parte privada, SOCAMEX,
autonomía total de xestión.
O 13 de xaneiro deste ano, reúnen-se en Compostela
Augas de Galicia e os alcaldes de Ferrol e Narón.
Mentres o alcalde de Narón asume pagar un canon á
Augas de Galicia polo uso da depuradora, o alcalde
de Ferrol, asume uns compromisos aínda non aclarados
publicamente, que pasan porque o noso concello asuma
a reparación, posta a punto e asuma o funcionamento
da depuradora, sen esixir a Augas de Galicia
ningunha responsabilidade, pois é esa entidade a
responsábel de que o EDAR recepcionara-se nas
condicións que se fixo despois de que a empresa
Espina y Delfín S.L., que aparece nos papeis de
Bárcenas como empresa pagadora do Partido Popular,
realizase a posta a punto no ano 2014, ano no que
Rey Varela en plena precampaña electoral, anunciou
que a depuradora xa depuraba, para cobrar a Taxa,
sen importar-lle engañar á cidadanía sen
ruborizar-se. O alcalde asegura ademais, que se non
se aproba a Taxa, a depuradora non pode funcionar. A
chantaxe é clara. Non só non se lle esixe a Augas de
Galicia que poña a funcionar a depuradora xa, xenon
que se pretende culpar de que non se depure, a quen
pretendemos aplicar os principios de transparencia,
democracia, participación, substentabilidade e
austeridade no sistema de saneamento da Ría. Se a
depuradora non está depurando é só responsabilidade
de Augas de Galicia e a Corporación municipal en
pleno, debera esixir-llo.
Desde hai máis de dous anos esta plataforma está
denunciando publicamente que o sistema de saneamento
imposto para a Ría de Ferrol é obsoleto,
trapalleiro, ineficiente e moi custoso para a
veciñanza. Tamén temos denunciado o abuso que supuxo
ter cobrado unha taxa sen que o sistema de
saneamento e a súa depuradora estivesen funcionando.
Aínda estamos requirindo a devolución dese pago
irregular por parte da empresa mixta Emafesa, e
exiximos que sexa esta empresa a que proceda a
devolver un diñeiro indebidamente cobrado, e non a
cargo dos orzamentos municipais .
Temos informado, no pleno do pasado día 13, ao
goberno municipal e grupos políticos, a nosa
desconformidade ao custe da taxa que agora se propón
para o saneamento, e a que dita taxa sexa similar á
anterior proposta polo goberno do PP. Unha taxa cuxo
cálculo foi cuestionado polos grupos municipais da
oposición de aquel momento incluído o grupo que
agora está gobernando. Esta Plataforma non dubidará
en tomar as accións que correspondan si o pleno de
Ferrol aproba unha taxa a todas luces ficticia,
exaxerada e feita por e para os intereses de
Emafesa.
En consecuencia co anterior e para precisar coa
maior exactitude cal é en realidade o custe deste
sistema, temos requirido por escrito, o pasado
venres ao Sr Alcalde, que nos informe sobre os datos
utilizados no estudio dos custes como: caudais de
augas residuais a tratar na EDAR, tanto para tempo
seco como chuvioso, tarifas eléctricas fixas e
variables utilizadas, cómputo de enerxía
presuntamente necesaria para o conxunto do sistema e
as razóns polas que os estudos realizados até o
momento (Fundación Polígono do Pozo, Emafesa,
Audigal, Cosma, etc. ) son tan diferentes e
inconsistentes.
Ao noso entender tomáronse caudais irracionais
(case o dobre en tempo seco e probablemente tamén en
tempo chuvioso), tarifas eléctricas exaxeradas,
enerxía consumida moi elevada (obviamente
pola súa relación directa cos caudais), unha
imputación ao Concello de Ferrol dunha porcentaxe
de participación nos custes do sistema dun 70%,
cando a relación de consumo de auga potábel de
Ferrol e Narón é do 60%, e por último a
inclusión dunha nova partida de custes para o
mantemento dos interceptores cando nos
anteriores estudos da taxa no existía este concepto.
É de supor que as demais partidas relacionadas cos
caudais, como reactivos, lamas, etc. tamén estean
aumentadas consecuentemente.
Non chegamos a comprender a falta da intervención,
como organismo fiscalizador e de control, nos
asuntos nos que se compromete o Concello de Ferrol
(Acordos, Informes, Encomendas, Convenios...) que
hipotecan as arcas municipais e deixan en quebra
técnica a Emafesa, empresa de xestión privada, mais
onde o Concello ten o 51% do capital Social, asunto
que merece unha explicación.
Por último reiteramos unha vez máis ao Alcalde a
realización dunha Audiencia Pública, onde explique a
situación real do que está pasando e recupere as
posicións programáticas coas que accedeu ao goberno
buscando o acordo coas forzas que apostan polo
rescate da xestión agora privatizada, pois a auga
non debe ser un negocio, é un ben escaso, esencial e
común, e o abastecemento e saneamento un dereito.
Esta plataforma reitera unha vez máis que o goberno
municipal dado que non ten un verdadeiro control
sobre a xestión de Emafesa, responsábel de
episodios indesexábeis como foi a crise dos
trihalometanos; pasar ao cobro unha taxa por
saneamento sen estar operativa a EDAR nin a maioría
do sistema, falta de participación na
elaboración da taxa que agora se nos quere
impoñer e opacidade na situación contábel dos
servizos prestados por Emafesa, debe reconducir
esta situación, non inxectando cartos dos orzamentos
municipais para “sanear” Emafesa, tapando a xestión
opaca da parte privada SOCAMEX, senón
remunicipalizando o servizo de auga e saneamento: o
seu Ciclo integral.
En Ferrol, a 20 de febreiro, de 2017
Exposición
https://youtu.be/cRcvyCTUhgI
Preguntas e Respostas
https://youtu.be/rSntuK4KOuI
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA
REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se
pode!
Pódese, débese e precísase!
Alexandre Carrodeguas. | Fernando Ramos Armesto. |
Pablo Portero. | Bernardo Rego Gárate. | Lupe Ces. |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com |
https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Recollido de Ártabra 21
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript