Marzo de 2017
 
 

NÚMERO 347 - 06/03/2017

   CUTUDC / Novidades

  CUT CRTVG
 

A CRTVG recorrerá o fallo do TSXG a prol dunha traballadora que pediu cambio de quenda para conciliar

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, confirmou este martes o recurso ao Tribunal Supremo dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condena á compañía a cambiar a quenda dunha traballadora para facilitar a súa conciliación.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

 

Ratificouno en comisión parlamentaria para responder a Noela Blanco (PSdeG) e Olalla Rodil (BNG), quen lembraron que a traballadora en cuestión ten unha filla pequena e unha nai dependente ao seu cargo, e denunciaron a "vulneración de dereitos laborais" na CRTVG.
 
Ante as críticas das dúas deputadas, Sánchez Izquierdo puxo en valor as medidas de conciliación implantadas na compañía, ás que se acolleu "o 6,6 por cento" do persoal, "máis de 50 persoas". "Non creo que haxa en Galicia moitas empresas con estas cifras", reivindicou, para rexeitar "descualificacións xenéricas" sobre a vulneración da lei.
 
Sobre este caso "puntual", sinalou que un xulgado do Social desestimou en primeiro termo a reclamación da empregada e que o TSXG "a estimou só parcialmente".
 
E, tras rexeitar centrarse en cuestións "persoais" da afectada, expuxo que o recurso ao Supremo é "o interese da propia traballadora" e tamén do departamento de Recursos Humanos.
 
"QUE NON SE REPITA"
As explicacións do responsable da CRTVG non satisfixeron a Rodil e Blanco, ata o punto de que ambas as dúas reclamaron a Sánchez Izquierdo que se tomen medidas para que "non se repitan" situacións como estas. "As administracións e entidades públicas deben dar exemplo", argumentou a socialista.
 
Na súa quenda de peche do debate, o xornalista ourensán deixou claro que non se tomará "ningunha" dado que "non existe vulneración dos dereitos dos traballadores". "Mal se poden modificar uns protocolos que funcionan ben", resolveu.

Galicia Confidencial

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript